mércores, 24 de febreiro de 2016

'Traballadores pobres' na Galiza: 1 de cada 3 asalariados ten ingresos por baixo do salario mínimo

O informe sobre o mercado laboral 2015 elaborado pola CIG alerta do aumento dos 'traballadores pobres', queda de salarios e aumento da precariedade e eventualidade.

O 31% das persoas asalariadas na Galiza cobran menos do SMI, o salario mínimo. Traballadores cuxos ingresos ficaron por baixo dos 6.800 euros anuais. Así se recolle no Informe do Mercado Laboral en Galiza no ano 2015 elaborado polo Gabinete de Economía da CIG a partir de datos oficiais e presentado esta terza feira. O documento salienta que houbo un importante descenso dos salarios da maioría da poboación asalariada en termos reais, xunto cun descenso do número de asalariados. “O único grupo de traballadores que medra en Galiza é o de aqueles que cobran menos da metade do SMI”, manifestaron o secretario confederal de Emprego, Miguel Malvido, e a responsábel do Gabinete Natividade López. Son o 18,4% das persoas asalariadas, case 2 de cada 10. Nos comezos da crise eran o 14,5%. A isto hai que engadir que case o 13% dos traballadores asalariados teñen uns ingresos entre a metade do SMI e o seu tope. Pola contra, hai un 0,4% do total de traballadores que tiveron uns ingresos superiores a 141.375 euros.
“O único grupo de traballadores que medra en Galiza é o de aqueles que cobran menos da metade do SMI”
O sindicato nacionalista advirte da “reaparición da figura, esquecida desde o remate do franquismo, do traballador ou traballadora pobre”, unha situación á que se chega, aponta o sindicato a raíz do informe, “nuns casos polos salarios de miseria, noutros casos pola temporalidade da contratación, noutros polas xornadas parciais e nos máis, por todo á vez”.
“Crítica situación”
Para Miguel Malvido isto evidencia a “crítica situación” na que se atopa a maioría da clase traballadora galega. Lembrou que segundo a Carta Social Europea considérase que un traballador ou traballadora que teña uns ingresos inferiores ao salario medio estaría no limiar da pobreza. “Estamos logo falando de que a inmensa maioría dos asalariados están instalados ou ben na pobreza ou ben ao límite”.
203.500 asalariados e asalariadas asinaron unha media de 4 contratos no ano
No ano 2015 estímanse en 203.500 os asalariados con contrato temporal, que se repartiron os 813.088 contratos temporais rexistrados, o que nos dá unha media de 4 contratos por traballador e ano. A taxa de temporalidade sitúase no 25,4%, entre as máis altas de Europa.
Foron os contratos temporais os que máis medraron (un 12,1%) en 2015 e nomeadamente aqueles de menor duración: os contratos de menos dunha semana aumentaron un 14,2% e representaron o 30,7% do total dos contratos.
Exclusión
A CIG advirte que en 2015 situouse, de media, no 49,1% a porcentaxe de desempregados con cobertura. Así pois, a maioría xa non perceben prestación.

Ningún comentario:

Publicar un comentario