luns, 29 de febreiro de 2016

A converxencia de Galicia coa renda europea xa retrocedeu todo o avanzado antes da crise

O obxectivo era claro: que Galicia acadase o 95% da renda media per cápita da Unión Europea no ano 2014. Así ficou estipulado no Plan Estratéxico 2010-2014, o guieiro lanzado pola Xunta en plena crise cuxa segunda edición está xa en marcha despois de errar notablemente nos obxectivos marcados pola primeira. Máis de media década despois do lanzamento daquel plan a oficina estatística da Comisión Europea, Eurostat, vén de ratificar que a converxencia de Galicia co continente non só non avanzou, senón que perdeu todo o gañado antes da crise.
Eurostat vén de facer públicos as "contas económicas rexionais" do conxunto da Unión correspondentes a 2014 e, ao tempo, vén de revisar as estimacións dos anos precedentes. Nestes novos cálculos o ente estatístico comunitario indica que a riqueza por habitante xerada na economía galega nunca chegou a acadar o 90% da media da UE, como estimara. As cifras indican agora que cando máis preto estivo o país da agardada converxencia foi entre 2008 e 2009, cando se acadou o 89%.
Cando a Xunta trazaba o devandito plan, en 2010, Eurostat indica que o retroceso xa comezara. Este continuou nos anos seguintes ata estancarse no 80% da renda per cápita media da Unión. Así as cousas, a renda media por persoa está 20 puntos por tras da media europea, xusto onde estaba no ano 2003, segundo os datos revisados de Eurostat.

A converxencia galega con Europa retrocedeu 9 puntos
Unha ollada polos territorios da contorna, isto é, o resto de comunidades autónomas do Estado e mais as sete rexións portuguesas, indica que o retroceso non foi, nin de lonxe, exclusivo de Galicia. Só un destes territorios, a rexión norte de Portugal, está agora como estaba no ano 2009, o que no seu caso significa ficar no 65% da renda media europea. Algúns dos maiores retrocesos producíronse en áreas que estaban e seguen a estar por riba da media da renda europea: é o caso de Navarra, Euskadi ou Madrid, que nestes anos retrocederon 11 ou 12 puntos pero seguen a ser, na contorna analizada, os territorios en mellor posición.
A caída galega, de 9 puntos entre 2009 e 2014, é semellante á experimentada por Andalucía, Castilla y León, Balears, Murcia, Canarias ou a área metropolitana de Lisboa, se ben a capital portuguesa e a súa zona de influencia superan tamén a renda media do continente. Nestes anos perderon menos que Galicia territorios que tamén están máis lonxe da converxencia con Europa, como Madeira, o Algarve, os Açores ou o Alentejo.

A renda media galega é duns 22.000 euros por persoa e ano, segundo Eurostat
Eurostat debuxa así un panorama no que, atendendo aos seus cálculos, a renda media galega é de duns 22.000 euros por persoa e ano, mentres que no conxunto da unión é de máis de 27.000. Estas cifras dan lugar a un mapa no que Galicia se mantén na zona media cando é comparada coa súa contorna, con lixeiras fluctuacións nos últimos anos. Mentres, como amosa o mapa que acompaña esta información, a Europa rica, a que ten máis renda que a media, segue sendo a central: a zona oeste de Alemaña e os seus territorios lindeiros, así como parte do norte do continente e tamén a área de influencia de Londres.

PIB per cápita de Galicia e a súa contorna en porcentaxe da media da UE

CC BY-SA

Ningún comentario:

Publicar un comentario