O químico Ignacio Ribas Marqués será o homenaxeado este ano no Día da Ciencia en Galicia, a celebración promovida pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC)
para reivindicar a importancia da investigación a través das súas
figuras máis destacadas. A homenaxe, que coincide co vixésimo
aniversario do falecemento do investigador, foi aprobada unanimemente
polos académicos a conta do papel de Ribas como artífice do despegue da química orgánica en Galicia grazas aos seus traballos sobre a obtención de produtos naturais a partir de especies vexetais autóctonas, continuado pola numerosa escola de discípulos aos que formou.
Aínda que o acto académico de homenaxe terá lugar o 8 de outubro
(coincidindo coa data de nacemento do Padre Feijoo), as actividades de
difusión e divulgación sobre a figura de Ribas, que foi membro fundador
da RAGC, estenderánse desde este primeiro trimestre do ano, coa
colaboración das institucións científicas vinculadas ao investigador e
da Fundación Barrié.
Ribas foi moi reivindicativo desde o comezo
da súa carreira co financiamento da ciencia e coa conexión da
investigación co progreso de calquera sociedade. Durante a inauguración
do curso 1930-31 na Universidade de Salamanca, recén nomeado
catedrático, aproveitou a súa intervención para defender que a
investigación era o mellor método de ensino da química, denunciou o
estado das universidades españolas –ás que acusaba de ser meras fábricas
de títulos, “pobrísimas en produción científica”– e pediu que se
aumentase o gasto en laboratorios e bolsas para os investigadores.
Nese
mesmo discurso, nunha achega visionaria tendo en conta que se producía
hai case noventa anos, aseguraba que onde hai moita ciencia hai moita
industria. “Os países que non teñen ciencia son pobres, viven unha vida
moral e material mediocre. No moral, son escravos dos prexuízos que
enxendra a ignorancia. No material, viven sometidos aos poderosos”,
afirmou. Esta visión levouno a apoiar a entrada de moitos dos 68
doutores aos que lle dirixiu a tese no sector empresarial para aplicar
na industria o saber adquirido, nun esforzo moi particular a favor da
transferencia de coñecemento, que el mesmo practicou colaborando con
empresas como Zeltia, na actualidade Pharmamar.
Xestas, codesos e carqueixas
Ignacio
Ribas Marqués naceu en Palma de Mallorca en 1901 e viviu desde 1942 en
Santiago de Compostela, onde faleceu en 1996. Logo de obter a súa
licenciatura en química na Universidade de Valencia, iniciouse na
investigación na Universidade de Madrid, como discípulo do prestixioso
Antonio Madinaveitia, o seu director de tese. Completou a súa formación
no Instituto Pasteur de París durante dous anos e en 1927 comezou a
impartir clase en Madrid, ata que no ano seguinte gañou as oposicións á
cátedra de química orgánica da Universidade de Salamanca, onde
permaneceu ata 1941.
Durante ese período, entre 1934 e 1936,
dirixiu o Laboratorio de Investigación de Química Orgánica que a
Fundación Nacional para Investigaciones Científicas y Ensayos de
Reformas fundou na Universidade de Salamanca. Logo da Guerra Civil, os
seus méritos científicos e a súa consideración como o mellor continuador
da escola moderna de química orgánica, que o convertían no candidato
mellor situado para ocupar a cátedra na Universidade de Madrid, víronse
superados por motivos políticos e o posto foille outorgado a outra
persoa máis afín ao réxime franquista.
A pesar de que o seu
mestre, Madinaveitia, e moitos dos seus colegas decidiron exiliarse,
Ribas preferiu quedar e, tras un breve paso por Valencia, en 1942 fíxose
coa cátedra de química orgánica e bioquímica da Universidade de
Santiago de Compostela, na que permaneceu ata a súa xubilación en 1971.
Durante
esta etapa, Ribas centrou as súas investigacións na obtención de
produtos naturais procedentes de prantas autóctonas e da cortiza, co
obxectivo de identificar novas substancias e poñelas en valor. Este
labor foi o que lle valeu o maior recoñecemento a nivel internacional e o
que creou unha escola con numerosos discípulos en Santiago.
O
estudo dos compoñentes da cortiza permitiulle obter dela substancias con
aplicacións na industria da perfumería. Tamén investigou a hormona
xuvenil dos insectos, co obxectivo de desenvolver un insecticida
ecolóxico, e o cornecho do centeo, este último en colaboración co
Instituto Miguel Servet co fin de obter alcaloides con aplicacións
médicas como facilitadores da expulsión da placenta e para evitar o
sangrado despois do parto.
Sen embargo, o obxecto principal das
súas investigacións foron os alcaloides das leguminosas. A xesta, a
carqueixa ou o codeso permitíronlle obter substancias aínda non
coñecidas que el bautizou con nomes tan curiosos como orensina,
pontevedrina, coruñina ou santiaguina, en homenaxe á súa terra adoptiva.
Até
mediados da dictadura non se recoñeceu oficialmente o seu traballo. Un
dos pasos fundamentais neste sentido foi a concesión de apoio para a
fundación e dirección do laboratorio de química orgánica do Consello
Superior de Investigacións Científicas (CSIC) en Santiago, que foi o
xerme do actual Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas.
Autor
de 157 publicacións científicas, cofundador e primeiro presidente do
Grupo Especializado de Química Orgánica da Real Sociedad Española de
Física e Química e creador da escola compostelá de química de produtos
naturais, de gran prestixio internacional, Ribas Marqués deixou unha
impronta en Galicia que estaba pendente de dar a coñecer á sociedade. No
seu gremio, fóra xa recoñecida polo Colexio Oficial de Químicos de
Galicia, que lle puxo o nome do científico aos seus premios.
Co
paso dos anos, obtivo numerosas distincións, como a Medalla de Ouro da
Universidade de Salamanca, o Premio de Ciencias do CSIC, a Gran Cruz da
Orde Civil de Alfonso X El Sabio e o nomeamento como Doutor Honoris
Causa pola Universitat de les Illes Balears. En Galicia, na liña do
Premio Galicia de Investigación de 1987 e da Medalla Castelao da Xunta
de Galicia que lle foi outorgada en 1991, a RAGC reinvindica agora a súa
figura dedicándolle o Día da Ciencia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario