A produtora Nós presenta a vindeira quinta feira en Numax (Compostela) un libro-DVD titulado 'Manuel María: eu son fala e terra desta miña terra', no que recupera un documental sobre o autor asinado por Margarita Ledo e un libro.
'Manuel María: eu son fala e terra desta miña terra' divídese nun libro con textos escritos por diferentes persoas e un documental, xa realizado por Margarita Ledo en 2015 onde a través da voz do propio Manuel María presenta a vida do escritor en todas as súas facianas.Pola banda do papel, titúlase 'A propósito de Manuel' e contén textos de Miguel Anxo Fernán Vello, Paulino Pereiro, Carme Vidal, Darío Xohán Cabana e a propia Ledo. Pola banda da fita, inclúe un documental en formato DVD onde, a partir da voz do propio Manuel María, fai unha homenaxe a Manuel, á súa contorna máis próxima, á súa extensa obra e ao seu activismo político. Se algo transmite Margarita Ledo nas verbas que lle adica no libro e tamén no documental que fai é a amizade que lle uniu ao coñecido como “poeta da terra”.
A presentación do proxecto, ao que lle seguirán outras en cidades e vilas galegas, terá lugar o xoves 25 en Santiago de Compostela ás 20:30 en Numax.
Rodarán un filme sobre guión de Manuel María
A produtora Nós tamén anunciou hai pouco que levará ao cinema o guión de Manuel María que gañara o primeiro premio dun concurso de guións de ficción que convocara a antiga produtora Nós, que fora fundada en 1976 por Carlos Varela Veiga.
Aquel guión foi reconvertido anos máis tarde polo poeta chairego nun texto dramático, que foi publicado en 1989 polo Concello de Carral e representado en moitas ocasións. Na nota do autor, Manuel María di: “A obra unicamente intenta dar unha visión, galega e obxectiva, de como aconteceron os sucesos de abril de 1846, unha das datas-chave da nosa Historia”. O filme, que está en fase de preprodución e procura de financiamento, será dirixido por Xosé Luís Ledo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario