luns, 15 de febreiro de 2016

A USC celebra o Día Internacional das Mulleres na Ciencia

A data foi impulsada en 2015 pola ONU para promover a igualdade das científicas.

En decembro de 2015 a Asemblea Xeral da ONU decidiu proclamar o 11 de febreiro Día Internacional das Mulleres e as Nenas na Ciencia, unha celebración á que a USC se quere sumar lembrando que foi pioneira na creación dunha Oficina de Igualdade de Xénero en 2006 e na aprobación dun Plan de Igualdade en 2009.
Con esta conmemoración as Nacións Unidas pretenden promover a participación plena e en condicións de igualdade das mulleres e as nenas na educación, a capacitación, o emprego e os procesos de adopción de decisións na ciencia, eliminar toda forma de discriminación contra as mulleres e sortear as barreiras xurídicas, económicas, sociais e culturais mediante a promoción de políticas e plans de estudo no campo da ciencia. Trátase de alentar unha maior participación das mulleres e as nenas, promover as perspectivas de carreira das mulleres na ciencia e recoñecer os seus logros.
Neste contexto, os plans de igualdade constitúen “os marcos esenciais para o desenvolvemento de políticas nese eido no ámbito universitario”, indica a coordinadora da Oficina de Igualdade de Xénero da USC, Eva Aguayo, que lembra que a aposta decidida da institución compostelá pola defensa desa igualdade se consolidou coa aprobación en 2013 do II Plan Estratéxico de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes, que ten entre os seus principios inspiradores a investigación e docencia inclusivas.
O principio de inclusión na investigación e na docencia implica deseñar medidas que busquen o equilibrio na visibilidade e no traballo das mulleres científicas en relación aos homes e poñer en valor a produción científica con perspectiva de xénero.

Ningún comentario:

Publicar un comentario