O software libre é un mundo de posibilidades para
calquera sector ou ámbito social e económico, pero se cadra amosa
unha potencialidade especial e particular para o denominado terceiro
sector, que é aquela parte da nosa economía composta sobre todo por
entidades sen arela de lucro. Amosar estas oportunidades do código
aberto para o eido das iniciativas de responsabilidade social e de
tipo solidario é o gran obxectivo dunhas
xornadas previstas para o vindeiro 22 de outubro en Santiago,
organizadas pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de
Galicia (AMTEGA) en colaboración con entidades como o
Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación
de Galicia (COETG/AETG). Por certo que esta xornada forma parte
dun conxunto de actuacións de formación e difusión dirixidas ao
ámbito das entidades non lucrativas que se van desenvolver nos meses
de setembro e outubro.
O obxectivo principal é achegar ao terceiro sector
experiencias de implantación e uso de solucións TIC libres “que
lles permitan ás organizacións e entidades mellorar o xeito en que
se xestionan, a súa operativa diaria e a súa organización”. A
idea, explican os organizadores, é que grazas ao coñecemento de
experiencias doutras entidades semellantes no uso de solucións
libres “poidan vencer medos, resistencias ou descoñecementos
respecto da programación aberta”.
Con esta actividade búscase tamén constituír un
“punto de encontro” para os entes galegos sen arela de lucro
(ONG, asociacións, colectivos, plataformas de voluntarios) e o
sector TIC, no que poder compartir experiencias e boas prácticas no
uso das novas tecnoloxías con licenza libre. Buscarase polo tanto
que as fundacións, organizacións e asociacións que participen na
xornada amosen as súas necesidades concretas no ámbito informático,
favorecendo a achega de respostas, recursos e claves dende as
empresas de código aberto da nosa terra. Segundo informa a
organización fica aberto até o 14 de setembro o prazo para recibir
propostas para participar nesta xornada expoñendo experiencias de
migración, implantación ou asesoramento.
Ningún comentario:
Publicar un comentario