Comeza setembro e as familias galegas con nenos en idade escolar afrontan a volta ao cole. O vindeiro 10 de setembro os nenos de infantil, educación primaria e educación especial regresarán ás aulas; os de secundaria, bacharelato e formación profesional, farano cinco días máis tarde, o 15 de setembro. Equipar aos rapaces e rapazas con todo o necesario é unha tarefa que require tempo, paciencia e un considerábel desembolso económico. Se sumamos os libros de texto, o material escolar, o uniforme, a tarifa do transporte escolar e a do comedor, o gasto por neno supera os 400 euros.
Cada ano por estas datas recordamos as familias galegas que é posible
aforrar aplicando unha serie de trucos e recomendacións que, aínda que
parecen obvias, é importante ter en consideración para facer unha compra
eficiente e responsábel, explica a Asociación de Consumidores Galegos:
- Facer unha lista de material para coñecer todos os gastos que imos ter que afrontar e evitar comprar cousas innecesarias.
- Reutilizar e reciclar. Buscar pola casa para ver o que temos doutros anos. Hai cousas que se poden aproveitar como bolígrafos, gomas, regras ou dicionarios; material escolar ao que lle podemos dar un segundo uso. Tamén pode ser interesante facer uso das plataformas de troco, espazos onde atoparemos roupa, libros e material escolar a bo prezo.
- Debemos tentar que os máis pequenos sexan conscientes dos gastos e favorecer hábitos de consumo responsable, por iso é boa idea que participen connosco na elaboración dun orzamento e da revisión do material que temos na casa e que aínda podemos empregar. Estas pequenas cousas axudarán a que coiden máis o material ao tempo que non facemos compras innecesarias.
- Comparar os prezos de diferentes establecementos é algo que require tempo e esforzo pero que nos axudará a adaptar o noso presuposto. Se comparamos os prezos poderemos ver cal é a mellor opción e elixir a que máis se adapta as nosas necesidades.
- Recorrer ás marcas brancas. O material escolar sen marca é máis económico e a súa calidade é a mesma.
- Non comprar todo o material de golpe. É mellor facer unha compra escalonada adquirindo o máis urxente e necesario primeiro e despois, nos vindeiros meses, ir comprando pouco a pouco o que se vaia necesitando. Con respecto á roupa, o calzado e o uniforme o mellor é comprar só o estritamente necesario. Podemos minorar a compra inicial adquirindo prendas ou calzado durante o curso. Sempre é boa idea comprarlles unha talla un pouco máis grande para poder aproveitala durante máis tempo.
- Facer un uso responsable da tarxeta de crédito para non levar un susto cando chegue o estrato.
- É moi importante pedir e conservar o recibo de compra para poder facer valer os nosos dereitos como consumidores se hai unha desconformidade co produto adquirido. Neste senso, tamén recordarvos que debedes preguntar sobre a posibilidade de cambiar o produto se non se adecúa as vosas necesidades posto que non están obrigados a facelo, cando o produto se atope en perfecto estado, salvo que así o anuncien.
- Hai que ter especial coidado coas ofertas e promocións. Hai que ler con calma as condicións concretas desas ofertas, dos bonos, dos cupóns, etc; para saber se realmente merecen a pena.
- As veces pensamos que mercar fóra do concello pode supoñer un aforro pero igual, ao final, ese suposto aforro non é tanto como pensamos inicialmente.
- Consultar todas as administracións para poder beneficiármonos das axudas existentes. Neste senso, recordarvos que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convocou unas axudas para a adquisición de material escolar destinadas aos alumnos matriculados en educación primaria, educación secundaria obrigatoria ou educación especial en centros sostidos con fondos públicos para o curso escolar 2015/16. Os requisitos poden consultarse no DOG. Con respecto a estas axudas, dicir que é a primeira vez que se dan e que a súa aparición parece responder a un interés electoralista. Por desgraza, son unhas axudas que se fixeron tarde, que chegan a destempo para as familias, que contan cun plazo de caducidade curto e que resultan redundantes coas preexistentes.
No tocante aos libros de texto
O primeiro que temos que facer é diferenciar entre os de ensinanza
obligatoria, que inclúe primaria e secundaria; e a non obligatoria, o
resto. Para a ensinanza non obligatoria non hai axudas da Xunta de
Galicia para a adquisición de libros de texto.
Dentro da ensinanza obligatoria atopamos diferentes axudas que desglosamos en dous grupos:
- Para primaria. Existen dous tramos de axudas, unha de 90 euros e outra de 170.
- Para secundaria. Tamén hai dous tramos, uha de 104 euros e outra de 180. Ser beneficiario destas axudas depende da renda familiar.
É importante recordar que o prezo dos libros de texto é fixo na
ensinanza non obrigatoria pero está liberalizado para os da ensinanza
obrigatoria (primaria e secundaria). Nas librerías, que son os puntos de
venta maioritarios na nosa rexión, podemos atopar diferenzas de ata un
10%, por iso é boa idea comparar prezos consultando diferentes
establecementos. As diferenzas non son enormes pero paga a pena.
Ademais, temos que desbotar a idea de que nas grandes superficies os
libros de texto son máis baratos, atoparemos prezos máis interesantes no
pequeno comercio.
Follas de reclamación
Lembrar que todas as empresas deben ter follas de reclamación e que se o
establecemento está adherido a arbitraxe de consumo será máis doado
resolver as faltas de conformidade co produto ou servizo adquirido.
Ningún comentario:
Publicar un comentario