martes, 1 de setembro de 2015

Galiza perde por emigración a suma dos habitantes de Vigo, Ourense e Ferrol

A TENDENCIA QUE SE REXISTA DESDE 1990
 
Máis de 483.000 galeg@s tiveron que marchar do país nestes 24 anos. Os exercicios con maior número de emigrantes foron 2013, 2014 e 2011. Unha sangría sen comparación na contorna.

Vigo, Ourense e Ferrol totalmente baleiras, sen un só habitante nos barrios, parroquias ou lugares destes tres concellos. É un equivalente do impacto que supuxo a emigración galega nestes últimos 24 anos, desde 1990 a 2014. Un período no que marcharon de Galiza 483.680 persoas, o equivalente aos e ás habitantes dos tres concellos xuntos, segundo o Instituto Galego de Estatística (IGE). A suma das persoas censadas segundo o IGE a xaneiro de 2014 en Vigo era de 294.997, en Ourense de 106.905 e en Ferrol eran 70.389. Dá, pois, un resultado de 472.291 persoas, 11.000 menos de todas as que tiveron que emigrar do noso país nestes 24 anos. Así que se pode dicir que a xente que tivo que marchar nese período equival aos habitantes de Vigo, Ourense, Ferrol e, por exemplo, Ribadeo (10.000 habitantes). Por poñer outro exemplo, o número de persoas que emigraron desde 1990 é como se desaparecesen todos os habitantes da provincia de Lugo (342.748 persoas) e unha oitava parte dos da provincia de Ourense (ou sexa: 40.000 dos seus 322.000 habitantes).
Mais esa cifra de 483.680 pode ser aínda superior. Nas estatísticas de emigración de 1990 a 2014 do IGE non hai dados no que se refire á emigración exterior (á que vai fóra do Estado español) nos anos comprendidos entre 1990 e 2001. Nese período marcharon do país 136.000 galeg@s con destino a outras partes do Estado, mais non hai dados dos que tiveron que irse fóra do Estado español, que os houbo.
O ritmo de emigración non deixou de medrar nestas máis de dúas décadas. Así, na década comprendida entre 1990 e 2000 a media de persoas que tiveron que abandonar Galiza foi de por volta de 11.000 cada ano. Mais na década seguinte (2001-2009) ese fluxo aumentou a case 24.000 persoas cada ano. E entre 2010 e 2014 foi de perto de 30.000 en cada exercicio. De feito, desde 2010 os anos nos que máis emigración se deu foron os de 2013, 2014 e 2011. Sumados estes tres exercicios dan máis de 91.000 persoas. O equivalente, seguindo co exemplo das cidades, a case todos os habitantes de Compostela. Entre 3 anos, pois, perdemos tantas persoas por ter que emigrar como habitantes ten a capital da Galiza.

Ningún comentario:

Publicar un comentario