martes, 4 de novembro de 2014

O Mencer inaugura o novo local para as súas clases a escolares

Está situado nas vivendas de mestres do Golmar » Dispón de tres aulas e unha biblioteca » Repartirá a merenda aos nenos.

O colectivo solidario O Mencer inaugurou onte un novo local en Lalín para levar a cabo o seu programa de reforzo educativo dirixido a nenos de familias con escasos recurso. As instalacións están situadas nas antigas vivendas de mestres do Xesús Golmar, na rúa Memorias dun neno labrego.
O sutil cheiro a pintura percíbese xa nas escaleiras de acceso ata o segundo andar: Un logo da asociación dá a benvida á entrada do piso e unha vez dentro todo é colorido nunha estancia acolledora que sufriu unha "gran transformación", segundo apuntan desde o colectivo. O Concello asumiu a revisión e adecuación do espazo, que pasaron por unha limpeza e pintado, entre outras melloras como a instalación de novas xanelas ou sistema de calefacción. A responsable do programa, Lala García-Portillo, agradeceu en especial "ao capataz de obras, a súa comprensión, interese e apoio coas obras".
A antiga sede do grupo Radio ECCA en Lalín acollerá a partir de mañá aos rapaces que participan nesta iniciativa. Contan con tres aulas para dedicar a infantil, primaria e ESO e así poder impartir clases simultáneas e unha mellor distribución. Así mesmo, esta sede permitirá aumentar os horarios de clases ao luns supeditada, ata o momento, á repartición de alimentos que se realiza durante esa xornada na sede situada na rúa Manuel Rivero. Ademais, o local dispón dunha cuarta habitación que habilitaron como biblioteca, na que se almacenan desde material escolar a libros de lectura. Trátase de doazóns tanto dos colexios da capital dezana (Xesús Golmar e Manuel Rivero) como de varias librerías lalinenses e unha de Santiago. Tamén dispoñen dun baño e unha cociña para preparar a merenda. Ademais, todas as semanas a panadería Bouzada doa o pan para os bocadillos e contarán tamén coa colaboración dunha froitería de Ferrol que lles proporcionará froita cada quincena.

Bolsas deportivas e dentista

O programa conta con 50 alumnos e algunhas solicitudes en lista de espera condicionadas polo número de voluntarios. Ademais, os nenos que o ano pasado obtiveron as bolsas deportivas do ximnasio Ferros comezaron xa a gozalas. E unha odontóloga volverá realizar revisións dentais gratuítas este ano.
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario