Altia, Bahia Software, Clictic, Imatia, Itelsis, JDLV
Inversores, Plexus e R son as 8 firmas que veñen
de fundar o Club de Investidores do Clúster TIC Galicia, iniciativa que nace
da constatación do papel chave que debe xogar o capital privado no
financiamento das iniciativas empresariais no sector das tecnoloxías da
información e as comunicacións (TIC), e do compromiso co desenvolvemento do
tecido empresarial na comunidade autónoma.
Os membros do Club comprométense a realizar, cada un, un
investimento de 50.000 euros anuais en start-ups
galegas baseadas nas TIC, así como a brindar aos emprendedores asesoramento
técnico e de xestión para o desenvolvemento dos seus proxectos de negocio.
O Club de Investidores do Clúster TIC Galicia nace aberto á
colaboración con outras entidades, tanto públicas coma privadas, dedicadas ao
fomento da emprenduría, así como á incorporación de novos membros. Co obxectivo
de que as empresas de pequeno tamaño poidan incorporarse ao Club, ofrécese a
posibilidade de que varias PEME se unan para reunir conxuntamente o
investimento necesario.
Antonio Rodríguez del Corral, presidente do Clúster TIC
Galicia e representante de R, destacou que os membros do Club asumen unha serie
de obrigas de transparencia, lealdade e honestidade recollidas nun Código
Ético. Del Corral indicou tamén que se contempla tamén a figura do
"defensor da start-up".
Pola súa banda, Gerardo García Alvela, director xeral de
Itelsis, unha das empresas fundadoras do Club, sinalou que o obxectivo é
"investir en proxectos que necesitan apoio na súa fase inicial", e
destacou a "vocación colaboradora" e o compromiso coa "mellora
do tecido empresarial TIC de Galicia" como os motivos que impulsaron a iniciativa
Ningún comentario:
Publicar un comentario