Un importante dispositivo policial acompañou as decenas de persoas que amosaron a súa solidariedade cos encausados polas protestas contra a marcha de Galicia Bilingüe en 2009.
Decenas de persoas percorreron este domingo o centro de Santiago para pedir a absolución dos acusados de “causar disturbios” durante a manifestación de Galicia Bilingüe que tivo lugar en 2009 na mesma cidade contra a promoción do galego no ensino.Segundo Óscar Gómez, da plataforma Ceivar, “as probas empregadas pola fiscalía non demostran a participación destas persoas nos delitos que se lles imputan". Gómez subliñou que, contra a sentenza que condena estas seis persoas a once anos de prisión en total, foron presentados unha "serie de recursos", pero que "aínda está por ver a súa resolución". Un dos afectados mesmo terá que ingresar na cadea.
A manifestación partiu da Alameda compostelá con consignas a prol do idioma propio e en medio dun notorio despregamento policial. A maiores da absolución dos seis condenados, a marcha tiña outro obxectivo: demandar un "cambio radical" nas "políticas lingüísticas planificadas e executadas pola administración". A este respecto, Gómez denunciou que o galego, que vive unha "situación desesperada”, atópase en "claro retroceso". “Se as políticas da Xunta seguen así, é cuestión de varias décadas que o galego acabe sendo minoritario ou, a longo prazo, acabe por desaparecer", opinou.
Ningún comentario:
Publicar un comentario