martes, 25 de novembro de 2014

A Mesa esixe á Xunta que actúe no ataque de FCC ao galego

A Mesa diríxese á Xunta para que defenda a oficialidade do idioma fronte ao ataque da empresa Fomento de Construcciones e Contratas (FCC) no conflito coa Mancomunidade do Barbanza. Animan unha campaña cidadá para protestar pola actitude da empresa. 

“Non estaría de máis que aínda que fose unha vez en toda a lexislatura Feixó defendese o galego”, sinalou o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística (MNL) ao esixir que a Xunta tome cartas no conflito aberto por FCC coa Mancomunidade do Barbanza no que a empresa esixe a tradución ao español dun expediente de dúas mil páxinas ao non recoñecer a oficialidade do galego.
A Mesa criticou a pasividade da Xunta e dirixiuse por escrito ao Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García, para que faga cumprir a Lei de normalización lingüística e defenda a oficialidade do idioma fronte ao ataque de FCC.  A empresa estase a defender no contencioso aberto pola Mancomunidade Serra do Barbanza despois de que unha auditoría detectase irregularidades na xestión da planta de RSU non admitindo a documentación en galego e esixindo a tradución ao español do expedinte.
 #paremososataquescontraogalego
A asociación de defensa da lingua  botou a andar unha campaña na que solicita á cidadanía que mostren no twitter da empresa  @FCC_Group, o seu malestar polo desprezo á lingua co hashtag  #paremososataquescontraogalego
“Tras este episodio está claro que FCC non debería ter ningún tipo de adxudicación pública en Galiza”, sinalou o presidente da Mesa ao tempo que anunciou que vixiarán os contratos que manteñen con outras administracións para detectar se incumpren o respecto a nosa lingua.

Ningún comentario:

Publicar un comentario