Será
a vindeira semana, do 19 ao 21 de novembro, na Tecnópole
de Ourense (San Cibrao das Viñas) onde teña lugar a celebración da
novena edición da Galiciencia,
a feira científica de Galicia que este ano trae novidades. Entre
elas: a ampliación do horario para acoller máis actividades e a
participación de equipos formados por alumnos de Primaria, o que
eleva o número de proxectos expostos a 64, o maior até a data.
Cómpre dicir que a Galiciencia se atopa inserida na Semana da
Ciencia en España por medio da Fundación Española para a Ciencia e
a Tecnoloxía (FECYT), patrocinadora do evento xunto coa Consellería
de Economía e Industria.
E
indo ao miolo do evento, a entidade organizadora (Tecnópole-Parque
Tecnolóxico de Galicia) acollerá no seu recinto de Ourense unha
carpa na que os equipos participantes (estudantes de toda Galicia,
agás catro grupos de Cataluña) amosarán ao público os seus
proxectos científicos e de innovación. A previsión de visitas de
grupos escolares de toda Galicia supera as 2000, ás que se sumarán
as persoas que acudan pola súa conta, xa que a feira é de entrada
libre para particulares e familias. Este ano amplíase o horario da
exposición de proxectos en dúas horas: de 10 a 13 horas pola mañá
e de 15 a 18 horas pola tarde.
Amais
de escolares e profesores de centros de Secundaria e de FP, aos que
se sumarán varios equipos de alumnos das Aulas Tecnópole, a
iniciativa de capacitación en habilidades científicas e innovadoras
promovida polo Parque Tecnolóxico de Galicia, e un equipo que
preparou o seu proxecto durante o campamento tecnolóxico de verán
(T2W) organizado pola Tecnópole o pasado mes de xullo. Os alumnos e
alumnas de Primaria, que se suman este ano ao evento, expoñerán os
seus proxectos nunha sección especial en dúas quendas: dez equipos
o mércores e outros dez o xoves.
Ademais,
a Fundación Barrié achegará unha charla para que os docentes
coñezan a iniciativa educaCiencia e levará á Tecnópole a
exposición de fotografía InvestigArte.
En
canto ás actividades parellas á Galiciencia, haberá unha
exposición de proxectos que inclúe a conmemoración do Ano
Internacional da Cristalografía e da Agricultura Familiar e do Ano
da Biotecnoloxía en España a través de varios obradoiros
encamiñados a diferentes idades.
Alén
disto, realizaranse actividades de planetario e robótica Lego para
os máis pequenos e un obradoiro de tecnoloxías punteiras para os
maiores, xunto cunha charla sobre a relación entre a ciencia
e a música que poderá seguirse en liña desde calquera centro
educativo de Galicia.
Segundo
explica a Tecnópole, Galiciencia 2014 contará cun equipo de
reporteiros audiovisuais (participantes na feira) que gravarán todo
o que aconteza para editar o vídeo oficial do evento. O certame
volverá contar coa súa propia redacción de xornalistas (estudantes
adestrados como reporteiros) para cubrir o evento e elaborar entre
todos a revista oficial, distribuída entre os asistentes á entrega
de premios o último día.
Durante
a clausura, amais da entrega de premios aos mellores proxectos por
categorías, darase a coñecer tamén o gañador do concurso de
fotografía científica convocado no marco deste certame.
Ningún comentario:
Publicar un comentario