Durante o fin de semana do 15 e 16 de
novembro tivo lugar o XVII Congreso do Sindicato de Estudantes. Cunha
asistencia de douscentos mozos procedentes de todo o Estado, ao longo
destes días realizamos un detallado balance da loita en defensa da
educación pública, e tamén da participación activa da nosa organización
nas mobilizacións obreiras e sociais que puxeron contra as cordas ao
goberno do PP. O congreso reflectiu un ambiente de entusiasmo polo forte
avance do Sindicato de Estudantes en todos os territorios. Si se pode!
Abrimos o congreso gardando un minuto de
silencio polos 43 estudantes asasinados en Ayotzinapa, México. A
barbarie e a represión á que os nosos irmáns na loita, os estudantes
mexicanos, se enfrontan cada día para defender o dereito a unha
educación pública para os fillos dos traballadores, chegou moi lonxe. A
fusión entre elementos do aparato do Estado e o narco mexicano volveu
quedar patente neste terrible episodio que provocou un levantamento dos
estudantes en México que conta co noso total apoio e solidariedade. O
recordo destes compañeiros, e esa solidariedade coa súa loita estivo
presente dende o primeiro minuto do congreso ata o final.
17 Folgas xerais pola retirada da contrarreforma franquista. Wert vaite xa!
Na mañá do sábado sucedéronse
intervencións de parte das organizacións invitadas ás sesións do
congreso. Foron tomando a palabra os representantes das organizacións da
esquerda que estiveron ao noso lado na mobilización defendendo a
educación pública e un futuro digno para a xuventude; Jesús Herrera, da
Asociación La Comuna Presxos do franquismo; Javier Espinosa, da
Federación Rexional de Asociacións de Veciños de Madrid; Illote Lara,
Coordinador Xeral de IU e outros membros da Área de Educación de IU;
Joan Pedro, do Círculo de Educación Madrid de Podemos e Paco García,
Secretario Xeral da Federación de Ensino de CCOO.
Tras estas palabras dos convidados, nas
que quedou patente a necesidade da unidade na loita para derrubar a
contrarreforma franquista do PP e a perspectiva de mobilización social
para os próximos meses, demos paso á discusión do balance xeral da nosa
intervención dende o anterior congreso. Ana García, secretaria xeral do
SUESTE, foi a encargada de analizar a situación de crise que atravesa
hoxe o sistema capitalista, a rebelión social en marcha contra o goberno
do PP e o tremendo xiro á esquerda que se está a producir, resaltando
nos sinais de identidade da nosa organización: anticapitalista,
revolucionaria, democrática e asemblearia. Ana remarco o noso apoio ao
dereito a decidir das nacionalidades históricas, explicando o noso
rexeitamento frontal ao nacionalismo españolista do PP e a súa posición
antidemocrática e autoritaria, e tamén a nosa firme convicción de que o
mellor aliado do pobo catalán vasco ou galego non é a burguesía
nacionalista (chamase CiU ou PNV), senón a xuventude e a clase
traballadora de todo o Estado. O Sindicato de Estudantes séntese
orgulloso de ter mantido unha posición de clase e internacionalista ante
o problema nacional, unha postura que conquistou un grande eo entre a
xuventude traballadora e estudantil de Catalunya, Galicia e Euskal
Herria como quedou demostrado nas masivas mobilizacións estudantís do
21, 22 e 23 de outubro nestes territorios.
Por
suposto, a compañeira Ana realizou un percorrido polo extenso traballo
de mobilización que o Sindicato de Estudantes desenvolveu para botar
atrás a LOMCE e aos seus responsables, empezando por Wert e seguindo
polo conxunto do goberno do Partido Popular. Así, con 17 folgas xerais
convocadas pola nosa organización dende que Wert lanzase a súa
contrarreforma franquista (LOMCE), podemos dicir que contribuímos
decisivamente a desenmascarar os obxectivos deste plan privatizador,
elitista e confesional, que pretende derruír o dereito ao ensino público
de calidade, ademais de convertelo no ministro peor valorado, atrasando
a aplicación desta contrarreforma e facendo dela unha lei morta que non
resistirá o próximo cambio de goberno. O Sindicato de Estudantes xogou
un papel central en unificar a loita, e vertebrar e manter viva a Marea
Verde.
Na súa intervención, a compañeira Ana
destacou a importancia, neste proceso de mobilizacións, das dúas folgas
xerais de toda a comunidade educativa que convocamos xunto con
profesores, pais e nais. Ese é o noso modelo, o da unidade para loitar e
por iso contra o intento da dereita de destruír a educación pública,
reiteramos o noso chamamento a que as organizacións dos pais, nais e
profesores convoquen xunto ao Sindicato de Estudantes unha nova folga
xeral de toda a comunidade educativa de 72 horas.
O Sindicato de Estudantes esténdese por todos os territorios
Tras a introdución da compañeira Ana
deuse paso ás intervencións dos delegados. Procedentes de Galiza,
Asturias, Euskal Herria, Catalunya, Aragón, País Valencià, Castela-A
Mancha, Madrid, Castela e León, Extremadura e Andalucía, decenas de
compañeiros foron tomando a palabra ao longo do debate, explicando o
traballo que viñemos realizando; os resultados da convocatoria da última
folga xeral de 72 horas do 21,22 e 23 de outubro, os conflitos obreiros
nos que estamos a intervir, ou o labor de construción do Sindicato de
Estudantes en novos territorios foron algúns dos temas que se abordaron.
Cabe destacar, e así quedou reflectido nas intervencións, o avance do
Sindicato de Estudantes nos últimos anos, cuxa presenza se estendeu e
fortalecido a Xaén, Huelva, Córdoba, Canarias, Cáceres, Badaxoz, Murcia,
Zamora, León. Alicante, Girona, Guipúscoa, e en decenas de localidades
de todo o Estado. Cada día son máis os estudantes que, sobre a base da
súa experiencia, conectan co noso programa de loita e deciden crear e
fortalecer o Sindicato de Estudantes para organizar as mobilizacións e
poder coordinarse a nivel estatal. Ese foi un dos aspectos centrais para
o éxito da última folga estudantil que encheron as rúas e baleirado as
aulas das principais cidades e nas zonas rurais, onde a mobilización da
xuventude está a prender, tamén tal e como nos explicaron na súa
intervención especialmente os compañeiros de Galicia procedentes de
Lugo, Ferrol, A Coruña, Vigo e Santiago de Compostela.
"En defensa da Memoria Histórica e a loita da clase traballadora"
A
sesión do sábado pola tarde estivo reservada á defensa da Memoria
Histórica e a loita da clase traballadora, de onte e de hoxe. Unha clase
traballadora da que somos parte e cuxa memoria debe ser recuperada,
estudada e transmitida. Dende o Sindicato de Estudantes entendemos que
somos o parte do fío condutor da loita de moitas xeracións para a
transformación social.
Os traballadores de Coca Cola, a
sanidade madrileña que paraliza a privatización de seis hospitais, os
varredores de Madrid ou de Lugo que paralizan centos de despedimentos,
os veciños do barrio de Gamonal ou a mobilización en defensa da
educación pública son unha reivindicación práctica dos métodos dun
sindicalismo combativo como o que nos anos 70 conquistou todos eses
dereitos que hoxe nos queren arrebatar.
Iniciamos esta sesión coa proxección do
documental "A Sauceda, da utopía ao horror", realizado polos compañeiros
do Foro pola Memoria do Campo de Xibraltar, que narra a través de
testemuños de superviventes un dos episodios máis salvaxes da represión
franquista en La Sauceda (Cádiz). Un relato vibrante que denuncia a saña
coa que o fascismo asasinou, torturo, encarcerou e esmagou aos que
loitaron ata o final por derrubar a opresión e a explotación de
señoritos, terratenentes e explotadores no campo andaluz.
Posteriormente representantes de
distintas organizacións coas que estreitamos lazos no último período
tomaron a palabra para dirixirse ao congreso. Juan Moriche, director do
documental, dirixiunos unhas palabras sentidas e que chegaron á cabeza e
o corazón de todos os asistentes, recordando a importancia da
organización, da mobilización e da unidade contra o fascismo. Tamén os
compañeiros de La Comuna, presxs do franquismo, aos cales estamos
enormemente agradecidos pola axuda prestada para que o Sindicato de
Estudantes se sumase como denunciante na querela arxentina contra os
crimes do franquismo polo asasinato de nove estudantes. Os compañeiros
do Comité de Parados de Cortes da Fronteira, dos cales tivemos o apoio
incondicional dende a súa orixe no ano 2010. Os afiliados e
sindicalistas de Ganemos CCOO, a iniciativa de centos de delegados de
CCOO por recuperar no seu sindicato o modelo de loita do sindicalismo
combativo que os traballadores e novos necesitamos nesta época de
ataques. E a Corrente Marxista Revolucionaria El Militante, que formulou
neste contexto a necesidade de, hoxe como onte, transformar a sociedade
e rematar co capitalismo.
Viva a loita dos traballadores de Coca Cola
En
medio da emoción, nun ambiente de fusión entre varias xeracións de
loitadores, quixemos render unha merecida homenaxe aos traballadores de
Coca Cola, representados no congreso por tres dos seus voceiros. Unha
loita exemplar que o Sindicato de Estudantes apoiou incondicionalmente,
participando activamente nas mobilizacións do equipo de Fuenlabrada, nas
concentracións na porta da fábrica ou na Audiencia Nacional. No medio
dun mar de voces que coreaban Si se pode!, e obreiros e estudantes,
unidos, e adiante!, fixémoslles entrega dun cadro con fotos das
manifestacións que realizamos conxuntamente. Os traballadores de Coca
Cola tomaron a palabra co compromiso firme de seguir loitando e
animándonos a continuar no noso empeño de construír un futuro digno para
a xuventude.
Para pechar esta emocionante sesión
proxectamos un video co saúdo do CEDEP, organización estudantil mexicana
irmá do Sindicato de Estudantes, que relata o momento de ebulición
política e social que están a protagonizar con mobilizacións masivas nas
rúas, resaltando a importancia do internacionalismo dos estudantes e
dos traballadores na súa batalla constante contra o capitalismo a nivel
internacional.
A loita segue, pola folga xeral de 72 horas para derrubar a Wert e a súa contrarreforma
O domingo retomamos a sesión co saúdo en video da sección sindical do Sindicato de Estudantes en Los Realejos, Tenerife, e do Goberno Obreiro do Concello de Villaverde del Río (Sevilla), cuxo traballo é unha fonte de inspiración e un modelo para todos os que día a día construímos o Sindicato de Estudantes e impulsamos a mobilización.
Máis
intervencións dos delegados ao congreso completaron a xornada, na que
ademais votamos a nova executiva do Sindicato de Estudantes e reeliximos
á nosa compañeira Ana García como secretaria xeral.
Tras día e medio de debate concluímos o
noso XVII congreso como o comezaramos: chamando á loita e a
organización. A conclusión destes dous anos é clara e firme: o camiño
iniciado en 2012 para derrotar a Wert e o seu plan de destrución da
educación pública debe continuar. Nestes dous anos, a mobilización
educativa situouse á fronte da rebelión social contra o Partido Popular,
a súa corrupción e os seus ataques ao conxunto da clase traballadora. O
terremoto político que sacode as rúas e fai tremer aqueles que defenden
o sistema capitalista non fixo máis que empezar. Construír o Sindicato
de Estudantes e continuar a loita é a mellor contribución para construír
un futuro digno para nós e as nosas familias. A experiencia histórica
da clase obreira e a nosa propia experiencia nestes anos demostrounos
que, tal como sinalaba a pancarta que presidiu o noso congreso, a loita é
o último camiño, e ese é o camiño que nos próximos meses e anos imos
percorrer e defender os mozos do Sindicato de Estudantes.
Ningún comentario:
Publicar un comentario