martes, 18 de novembro de 2014

Nove proxectos TIC galegos buscan financiamento no Capital Network do Clúster

Compostela acolleu o pasado venres a quinta edición do Clúster TIC Capital Network, organizado polo Clúster TIC Galicia. Trátase dun foro que promove o encontro entre proxectos innovadores e os seus posibles investidores, entidades de capital risco españolas ou extranxeiras (business angels), ademais doutros investidores privados que operan no sector TIC. O foro busca identificar oportunidades de negocio e mecanismos de financiamento para apoiar a creación e ampliación de EBT (Empresas de Base Tecnolóxica), así como facilitar os procesos de co-investimento en proxectos mediante a atracción de investidores privados que complementen os mecanismos de investimento público existentes.
O foro busca identificar oportunidades de negocio e mecanismos de financiamento para apoiar a creación e ampliación de EBT (Empresas de Base Tecnolóxica)
Ao foro poden presentarse emprendedores, startups e empresas de base tecnolóxica que teñan ou non produto no mercado, que se atopen nun proceso inicial de desenvolvemento ou que precisen dunha ampliación de capital que lles permita o despegue de forma definitiva. Ao final foron nove os proxectos galegos seleccionados (dos 14 presentados) para expor as súas iniciativas: Avalingua, Cardi@ngel, Centum R&T, Opentrad, ParkApp, SetPay, Sigue tu liga, Situm e Todoencaja. A iniciativa, segundo destacaron os seus responsables, procura potenciar o ecosistema emprendedor tecnolóxico galego “acadando unha masa crítica de empresas orientadas á creación de produtos tecnolóxicos que permitan situar as industrias de Galicia como un referente recoñecido a nivel europeo”.
En conxunto os nove proxectos necesitan un investimento de catro millóns de euros. Aínda que o encontro presencial do venres foi aactividade central do Capital Network, o proceso de procura de investimento é de carácter anual e continúa aberto.
En conxunto os nove proxectos necesitan un investimento de catro millóns de euros
  • Avalingua: Avalingua é un software de corrección automática tanto persoal como para o ensino. Analiza o texto buscando erros ortográficos, léxicos, gramaticais ou de estilo e ofrece información sobre a súa tipoloxía, importancia e posibles solucións.
  • Cardi@ngel: Cardi@ngel é un sistema que permite xeolocalizar calquera alarma, realizar unha chamada ao servizo de emerxencias, enviar SMS á lista ICE, amosar un aviso de alarma e avisar ao número mínimo necesario de posibles auxiliadores
  • Centum R&T: Centum deseña e crea elementos para vehículos aeroespaciais, terrestres e mariños, tripulados ou non, capaces de percibir o contexto e tomar decisións autonomamente, adaptarse a cambios do ambiente e comunicar e interactuar con outros sistemas.
  • Opentrad: Opentrad é unha plataforma de servizos de tradución automática en código aberto.
  • ParkApp: ParkApp é unha aplicación para dispositivos móbiles que facilita o aparcamento, facilitando a reserva en parkings de todo o Estado.
  • SetPay: SetPay é unha tecnoloxía que permite realizar cobros con tarxeta en calquera lugar. Simplemente utilizando o smartphone ou tablet e un lector a modo de punto de venda.
  • Sigue tu liga: Siguetuliga.com é unha plataforma social de fútbol rexional.
  • Situm: Situm é unha tecnoloxía de localización en interiores que desenvolveu un sistema multi-sensorial capaz de adaptarse a calquera espazo, evitando a instalación de hardware adicional.
  • Todoencaja: Todoencaja é un servizo de almacenamento físico na nube. Recolle os obxectos dun ou dunha cliente, gárdaos e devólveos no punto de orixe cando se requira.

Ningún comentario:

Publicar un comentario