Este ano o OUFF Escola bateu marcas de participación, ao recibir 76 traballos audiovisuais, no que colaboraron máis de dous mil mozos e mozas. Desta volta incrementouse a participación de centros da provincia de Ourense, aínda que seguen sendo os da Coruña e Pontevedra os que envían máis pezas.
Os filmes foron valorados por un xurado que escolleu Persoas, do IES Cacheiras e Troco, do CEIP San Xoan de Filgueiras, como os mellores traballos nas categorías de secundaria e primaria respectivamente. O Libro, do IES Ramón María Ulloa, e Medusópolis 999, do CEIP A Laxe, obtiveron os segundos premios. Non nos quitarán os soños, do IES Xulián Magariños, e O ritmo da miña vida, do CEIP Mestre Valverde de Mayo, recolleron os galardóns ao mellor guión.
Este mércores entregou no Auditorio Municipal de Ourense os seus premios, que suman valor total de 2.600 euros, completando a quinta edición dun certame nacido en 2009 da man do Consorcio do Festival de Cine, a Secretaría Xeral de Política Linguística e o Concello. O pasado ano non se celebrou, trala disolución do Consorcio que organizaba o Festival.
Palmarés do OUFF Escola
- 1º premio da categoría “Demais niveis de ensino non universitario”: Persoas, do IES Cacheiras
- 1º premio da categoría “Infantil ou Primaria”: Troco, do CEIP San Xoan de Filgueiras
- 2º premio da categoría "Demais niveis de ensino non universitario": O Libro, do IES Ramón María Ulloa
- 2º premio da categoría “Infantil ou Primaria”: Medusópolis 999 do CEIP A Laxe
- Premio ao mellor guión da categoría “Demais niveis de ensino non universitario”: para Non nos quitarán os soños, do IES Xulián Magariños
- Premio ao mellor guión da categoría “Infantil ou Primaria”: O ritmo da miña vida, do CEIP Mestre Valverde de Mayo
- Mención especial polo volume e calidade de traballos presentados: IES As Barxas
-
Mención especial pola calidade de traballos presentados: CEIP San Xoán de Filgueira
Ningún comentario:
Publicar un comentario