A mobilización decorrerá en Compostela o 16 de novembro ás 12:00 horas sob o lema ‘Paremos as políticas de extermínio da nossa língua’.
Once anos e 5 meses de prisión foi a pena total que a xuíza impuxo a 6 das 11 persoas encausadas no proceso coñecido como #8f45anos, e polo que se xulgaban os incidentes decorridos en Compostela en 2009 co gallo da convocatoria dunha manifestación de Galicia Bilingüe contra "la imposición del gallego". Cinco das acusadas foron absolvidas de todos os cargos: Alexandre R., Roberto R., Abraham P., Roberto C. e Antonio F.Dous meses despois desa sentenza unha manifestación percorrerá Compostela para pedir a absolución das seis persoas condenadas e reclamar a fin das políticas “deseñadas para exterminar o noso idioma”. A mobilización, na que se convida a se adherir a colectivos, entidades e organizacións, terá lugar o domingo, 16 de novembro, con saída da Alameda de Compostela ás doce da mañá.
No comunicado saliéntase o paradoxal dunha condena a persoas “por defender a língua” ao tempo que os dados do IGE indican que por primeira vez na historia o galego é falado por menos da metade da poboación de Galiza.
Os e as convocantes da marcha lembran que o xuízo #8f45anos fixo acordar unha importante solidariedade para coas persoas encausadas por parte de axentes políticos, sindicais e sociais. Entenden que ese mesmo compromiso debe reflectirse tamén agora pola absolución destas seis persoas condenadas a penas de prisión.
Ningún comentario:
Publicar un comentario