As bolsas predoutorais do Plan Galego de Investigación soen ser publicadas no verán, pero chegado novembro o DOG ainda non recolle ningunha convocatoria.
A portavoz de Universidade do Grupo Socialista, Concepción Burgo, vén
de anunciar unha serie de iniciativas parlamentarias nas que denuncia
que o retraso da convocatoria nas axudas predoutorais concedidas polo
goberno galego pon en perigo a realización das teses dos mellores
expedientes académicos de Galicia.
Burgo sinala que os recortes do goberno galego levaron á paralización
de ditas bolsas, convocadas anualmente en xullo ou agosto e que a mes de
novembro aínda non foron anunciadas. A Consellería de Educación non
desmentiu polo de agora o retraso destas axudas, nin explicou o porqué.
O PSdeG advirte que os doutorandos dispoñen dun prazo límite de tres
anos para presentar as súas teses, polo que un retraso de tan só un ano
pode obrigar ao abandono do seu obxectivo, xa que dependen das
aportacións do goberno galego.
A responsable socialista reclama polo tanto que a Xunta convoque “de
inmediato” as axudas á etapa predoutoral do Plan galego de
investigación, innovación e crecemento 2011 – 2015 para o ano 2014, que o
ano pasado beneficiou a 94 doutorandos en toda Galicia. Advirte que
esta decisión “inexplicable” do goberno galego supón o “incumprimento do
Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento”.
Burgo argumenta que a Xunta está a prexudicar inexplicablemente aos
mellores expedientes académicos e os que poden garantir un mellor valor
engadido ao I+D galego. Censurou a “política cortoplacista” de Feijóo,
con “medidas de cara á galería que non teñen efecto sobre o
desenvolvemento da investigación en Galicia, que necesita un proxecto
claro e unha folla de ruta estrita nun campo no que só a perseverancia
da resultado”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario