Abertos
ao Galego, o proxecto da Mesa para a dinamización do galego no ámbito
empresarial, entregará o III Premio á Cooperativa Erica Mel, de Arzúa,
polo seu compromiso coa lingua galega. Unha empresa que abriu camiño no
seu sector e foi pioneira na etiquetaxe en galego.
A
Cooperativa Erica Mel naceu no ano 1990 e está integrada por máis de
350 socios e vende os seus produtos en todo o país e mesmo en todo o
Estado
A
Cooperativa Erica Mel foi expedientada nos anos 90 pola propia
Administración autonómica por etiquetar en galego os seus produtos. A
presión social conseguiu que se retirase a sanción. O xerente lembra ese
episodio e móstrase “satisfeito do traballo ben feito, de estar onde
debes estar e á altura dos tempos”. O xurado valorou o compromiso co
galego demostrado pola empresa, que se mantivo firme no uso do galego,
abrindo o camiño para que vinte anos despois sexa habitual atoparmos
este tipo de produtos etiquetados en galego en calquera supermercado.
O
xurado tamén recoñeceu cunha mención especial a Radio Fene, emisora
municipal que cumpre 30 anos. Foi no seu momento a primeira radio
pública local que, con carácter estábel, empregou integramente a lingua
galega nas súas emisións, que principiaron en setembro de 1984.
O premio, de carácter simbólico, materialízase na pertenza durante un ano ao Proxecto Abertos ao Galego. A entrega dos premios
será o 19 de decembro ás 19 h no Museo Provincial de Lugo. O acto será
presentado pola actriz Iria Sobrado e contará coa actuación musical de
Caxade.
Un proxecto para promover o galego no ámbito da empresa
Abertos
ao Galego é un proxecto da Mesa pola Normalización Lingüística que ten
como obxectivo a dinamización do galego no mundo da empresa. Partindo
dun certificado de calidade asociado ao uso da lingua de Galiza, desde
Abertos ao Galego promociónase a actividade das empresas que traballan
en galego, ademais de fornecer argumentos á sociedade sobre a relevancia
do uso do noso idioma por parte dos diversos tipos de empresas para
conseguirmos un "consumo responsábel co noso idioma".
Na
primeira edición do Premio Abertos ao Galego, en 2012, o xurado decidiu
outorgarllo á empresa Tuenti Technologies, promotora da rede social
máis popular entre a mocidade. En 2013 a II edición dos premios foi para
San Luís, cadea coruñesa de electrodomésticos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario