- Será a primeira vez que unha película galega se exhiba conxuntamente en todas as salas de cine de Galiza.
- A Mesa anima a acudir á estrea comercial do filme esta fin de semana e salienta a importancia de que o público amose o seu apoio ao cine galego e en galego nas salas comerciais para que este tipo de estreas deixen de ser noticia.
Esta fin de semana do 21 de novembro é unha data que todas e todos debemos marcar nas nosas axendas. Ignacio Vilar, director de Pradolongo e de Vilamor está
a piques de estrear o seu novo e agardado filme, unha adaptación
cinematográfica do clásico de Eduardo Blanco Amor que promete ser o
acontecemento deste outono. Protagonizada polos actores galegos Miguel
de Lira e Antonio Durán “Morris” e mais o vasco Karra Elejalde, A Esmorga
defínese como a “crónica tensa e intensa de vinte e catro horas na vida
de tres homes, compañeiros de esmorga que, deixando un regueiro de
destrución, de sexo equívoco e reprimido, van fechando portas tras si e
guindando coas chaves, como para non querer volver, tal coma se adrede
camiñaran á súa perdición.” Xa está en funcionamento o sitio web do
filme, www.aesmorgafilme.com, onde se pode consultar toda a información relacionada coa película.
A cidade das Burgas, onde se ambienta a historia,
acolleu con grande éxito o pasado sábado a agardada presentación mundial
do filme no marco da apertura da XIX edición do Festival de Cine
Internacional de Ourense (OUFF). Mais será o día 21 de novembro cando se
estree comercialmente nas salas de cine de todo o país. Rodada en
galego, A Esmorga
estrearase na nosa lingua con 50 copias distribuídas polos cines das
cidades e vilas de toda Galiza (25 en formato cine e outras 25 copias en
blu-ray). Será a primeira
vez que unha película galega se exhiba conxuntamente en todas as salas
de cine de Galiza, polo que é a nosa responsabilidade como espectadoras e
espectadores facer deste acontecemento un éxito.
É moi importante que o público amosemos o noso
apoio ao cine galego e en galego nas salas comerciais para que este tipo
de estreas deixen de ser noticia e se convirtan en algo habitual, para
lles demostrarmos ás produtoras, distribuidoras e demais compañías do
sector que realmente demandamos ver filmes na nosa lingua nas salas
galegas. O día 21 temos a mellor oportunidade de o facer acudindo ao
cine. Que ninguén chegue tarde!
Ningún comentario:
Publicar un comentario