A Dirección Xeral de Tráfico (DXT) desenvolverá en Galicia desde hoxe e
durante toda a semana unha campaña especial de control de transporte
escolar e menores para comprobar que autobuses e condutores cumpran coa
lexislación.
A Delegación do Goberno na comunidade informa hoxe desta campaña, de
especial significancia en Galicia pola gran extensión de rutas de
transporte escolar que existen nela, e á que foron invitados a
participar os Concellos que teñen Policía local, co fin de reforzar o
seu seguimento.
Os axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil comprobarán o
cumprimento da normativa que inclúe, entre outras obrigacións, a
necesidade de que os menores vaian acompañados por unha persoa
debidamente cualificada nos desprazamentos.
O obxectivo desta medida é concienciar a pais, responsables educativos e
condutores de autobuses da necesidade de cumprir as normas, como
autorizacións e documentos que deben ter os autobuses para a correcta
prestación do servizo, e as condicións técnicas e elementos de
seguridade do vehículo.
Segundo as estatísticas da DXT, o 90 % dos accidentes que se producen
durante o transporte escolar ten lugar no momento de subir ou baixar do
vehículo, ou xusto nos instantes inmediatos, e en moitos casos trátase
de atropelos causados por unha distracción do menor, do condutor do
transporte escolar ou dos pais, detalla a Delegación do Goberno nun
comunicado.
No entanto, engade, as cifras de sinistralidade mostran que o sector do
transporte escolar é seguro, pois en 2013 non se produciu ningunha
vítima mortal entre os usuarios de autobuses escolares de toda España; o
número de feridos graves pasou de 5 a 1 e os feridos leves baixaron de
55 a 19, en relación ao ano 2012.
Ningún comentario:
Publicar un comentario