xoves, 13 de novembro de 2014

A Federación do Ensino de CCOO presenta emendas aos orzamentos da Xunta para combater os recortes e a precariedade

  • O sindicato esixe que se repoñan efectivos, co que se crearía emprego, e frear a perda de poder adquisitivo neste colectivo

A Federación do Ensino de Comisións Obreiras de Galicia presentoulles aos grupos parlamentarios unha serie de emendas aos orzamentos da Xunta para o ano 2015. A maioría das propostas do sindicato xiran ao redor da mesma idea: combater os recortes e a precariedade.

En concreto, CCOO-Ensino presentou trece emendas ao título II do proxecto de orzamentos, referente aos gastos de persoal. Tres delas refírense a outras tantas disposicións que aparecen no capítulo I e rexeitan a posibilidade de incrementos salariais. Para o sindicato, a actual redacción converte en «crónica» unha medida de aforro «temporal», polo que se debe «compensar» os traballadores e traballadoras polos esforzos que fixeron ata agora.

O sindicato tamén presentou emendas para garantir a cobertura de todos os empregos públicos, isto é, unha taxa de reposición do 100 % «que evite o aumento da precariedade e temporalidade no emprego público e a destrución de postos de traballo estruturais». A maiores, o sindicato pediu unha partida orzamentaria suficiente para recuperar os acordos de recolocación no sector, isto é, unha medida de creación de emprego que compense parcialmente os centos de postos de traballo destruídos desde a chegada do PP á Xunta de Galicia.

No mesmo título II, capítulo II, a Federación do Ensino esixe un cambio na redacción do artigo 22, sobre criterios retributivos en materia de persoal funcionario, para que recolla explicitamente a «recuperación do dereito á paga extra completa». Esta proposta concrétase con dúas emendas inspiradas en varias sentenzas xudiciais que avalan o criterio de CCOO.

Ensino concertado

Canto ao ensino concertado, o sindicato denuncia a «indefensión» dos traballadores e traballadoras, a quen a Xunta lles impón unha «redución salarial encuberta» xa que se desvincula dos acordos recollidos nos convenios colectivos. Por este motivo, CCOO pide a supresión do segundo punto do artigo 55 (capítulo IV), así como o segundo parágrafo da disposición adicional décima.

Tamén no ensino concertado, CCOO pide a recuperación do poder adquisitivo dos docentes, que dende 2010 acumulan unha notable perda tanto por medidas directas —reducións salariais— como indirectas —incrementos salariais que non se aplicaron—.

Universidade

Por último, no que se refire ao sistema universitario, CCOO esixe unha adición ao artigo 34 do capítulo IV que recolla expresamente que o aforro derivado do recorte salarial do cadro de persoal da Universidade de Santiago de Compostela se destine á propia institución para lle facer fronte ao pagamento da súa débeda.

Ningún comentario:

Publicar un comentario