ProLingua pídelle que a documentación tamén estea en galego tras as queixas de varios colexiados e di que a crise "non pode ser razón para a desaparición da lingua propia do país".
Prolingua ven de remitirlle unha misiva ao Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) logo
de recibir críticas porque non ofrece toda a súa documentación técnica e
de apoio en galego, malia ser esta a lingua propia e cooficial do
territorio no que este Colexio exerce a súa actividade.
Tras poñer esta cuestión en coñecemento da dirección desta entidade, a súa resposta foi que, debido á crise, non tiñan recursos para pasar esa documentación a galego e que preferían “priorizar” outros servizos.
“Consideramos que a crise económica non pode ser razón para a desaparición da lingua propia de Galicia da
documentación oficial do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia e
pedímoslles que o máis axiña posible volvan ofrecer este tipo de
documentación en galego aos seus colexiados e colexiadas”, recolle
ProLingua na misiva que lle enviou.
Esta é a carta enviada:
Carta aberta ao Colexio Oficial de Aquitectos de Galicia
Á xunta directiva do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.
Prezados/as señores/as:
Tivemos coñecemento de que o COAG non ofrece toda a súa
documentación técnica e de apoio en galego, malia ser esta a lingua
propia e cooficial do territorio no que este Colexio exerce a súa
actividade. Tivemos coñecemento, tamén, de que a xustificación ofrecida
polo Colexio -ante as queixas previamente recibidas neste senso-, facía
alusión á falta de recursos relacionada coa crise e á conseguinte
priorización doutros servizos.
Sendo a Arquitectura unha disciplina vencellada ao deseño e
configuración do marco físico das nosas vidas, consideramos importante
que esta fale tamén a lingua en que desenvolvemos esas vidas milleiros
de galegos e galegas. A posta ao dispor dos usuarios e usuarias de toda a
documentación en galego, alén de ser unha prioridade polo seu valor
simbólico, como o poden ser os servizos de tipo operativo, é unha
cuestión de vontade e decisión institucional. Consideramos que a crise
económica non pode ser razón para a desaparición da lingua propia de
Galicia da documentación oficial do Colexio Oficial de Arquitectos de
Galicia e pedímoslles que o máis axiña posible volvan ofrecer este tipo
de documentación en galego aos seus colexiados e colexiadas.
ProLingua, Plataforma apartidaria a prol do galego
Ningún comentario:
Publicar un comentario