venres, 21 de novembro de 2014

Educación convoca 94 axudas predoutorais cunha contía de ata 23.500 euros por investigador

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convocará un total de 94 contratos predoutorais cunha contía de ata 23.500 euros por investigador, "a máis alta da historia de Galicia" dende que existe este tipo de convocatoria. Para tal fin, o departamento que dirixe Jesús Vázquez achegará un total de 6,3 millóns de euros, gasto que foi autorizado polo Conselo da Xunta este xoves.
Ao termo da reunión, o vicepresidente galego, Alfonso Rueda, quen informou do contido debido a que o titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, tivo que ausentarse para acompañar a Mariano Rajoy nun acto na capital galega, explicou que este programa de apoio predoutoral se enmarca dentro do Plan I2C e presta especial atención aos sectores estratéxicos nos que Galicia posúe contrastada potencialidade.
Deste modo, o 25 por cento das prazas convocados destínanse a liñas estratéxicas integradas nos campus internacionais de excelencia, o Campus Vida de Santiago e o Campus do Mar de Vigo. De feito, valoraranse de forma especial aqueles proxectos orientados á Estratexia de Especialización Intelixente RIS3 para a captación de fondos europeos no período 2014-2020.
A convocatoria aprobada fixa tres modalidades, a primeira delas xeral, con axudas enfocadas a todas as ramas de coñecemento: Artes e Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas, Enxeñarías e Arquitectura, Ciencias e Saúde. Para esta convócanse 70 axudas por un importe máximo de 20.500 euros por alumno e ano, fronte aos 19.000 euros do pasado exercicio, o que supón un aumento do 8% da retribución.
Ao tempo, convócanse 12 axudas específicas de apoio á etapa predoutoral no ámbito do Campus Vida e outras 12 para o Campus do Mar, dotadas cada unha delas cun importe de 23.500 euros por contrato e ano, é dicir, que os beneficiarios recibirán 1.500 euros máis que na última convocatoria de 2013 (cuxa contía foi de 22.000 euros). Polo tanto, os investigadores destas modalidades recibirán case un 7 por cento máis de soldo este ano en comparación con 2013.

387 PRAZAS

Os contratos desenvolveranse a partir do 1 de abril de 2015 e terán unha duración dun ano prorrogable ata un máximo de tres.
O vicepresidente subliñou que o Executivo asume "por primeira vez" a contía "íntegra" do programa e que se accede á "reprogramación temporal" pedida polas universidades para que exista "necesaria coordinación" entre as convocatorias da Xunta e do Estado, que faciliten solicitar "o maior número" de programas posibles.
Tamén subliñou que será "obrigatorio" estar matriculado nun programa de doutorado para que non accedan candidatos que non vaian continuar a súa formación como doutores nas universidades galegas. O fin último, remarcou, é "intentar reter" o talento na comunidade.
Finalmente, concretou que no período 2011-2014 se convocaron un total de 387 prazas de contratos predoutorais con tres anos de duración e cun investimento de máis de 23,5 millóns de euros.

Ningún comentario:

Publicar un comentario