mércores, 12 de novembro de 2014

Vigo sube ao podio das universidades mellor valoradas polo alumnado internacional

Os miles de alumnas e alumnos que o curso pasado elixiron España como destino das súas estadías internacionais elixiron á Universidade de Vigo como unha das tres mellores do país, outorgándolle unha cualificación superior ao 9 e situándoa en niveis de satisfacción só por detrás de Valencia e Cádiz.

Vigo ascende así varios postos con respecto á cualificación de ‘excelente’ que xa acadara na edición de 2013 dos International Student Satisfaction Awards, organizados pola web StudyPortal , o portal líder en busca e selección de estudos superiores europeos.
 
Con tres universidades gañadoras en cada país, o alumnado valora diferentes aspectos da vida académica e social durante as súas estadías internacionais, como nivel académico, investigación, calidade do profesorado, custe de vida, seguridade, facilidade de aloxamento, etc.
 
No caso de España recibíronse máis de 2800 comentarios, a maior parte de estudantes chegados de diferentes puntos de Europa que estudaron en España por menos dun ano.
 
“As persoas son moi amables e todo o mundo se interesa por ti. Ademais, os profesores preocúpanse moito de que vaias mellorando o idioma”. “É unha cidade marabillosa, por suposto que recomendo ir de Erasmus a Vigo”. “Grandes profesores. Grupo fantástico e acolledor, cunha asociación ESN que funciona moi ben”.Estes son só algúns dos comentarios que un a un foron deixando no StudyPortal sobre a Universidade de Vigo cada un dos mozos que participaron na enquisa e que destacaron sobre todo, o bo ambiente, tanto nas clases como nas cidades en xeral; unha contorna privilexiada; a amabilidade dos galegos; a boa acollida na Universidade e a elevada implicación dos docentes
 
Ademais de Valencia, Cádiz e Vigo, outras sete universidades españolas recibiron tamén o selo de ‘excelentes’, que se outorga a todos aqueles centros cunha nota media superior ao 9. Son as universidades andaluzas de Córdoba, Málaga e Sevilla e a universidade privada Deusto, con campus en Bilbao e San Sebastián. Séguenlle despois 23 centros cualificados como “moi bos” e que recibiron unha nota entre 8 e 9 puntos.
 
O curso pasado case medio millar de estudantes chegados de diferentes partes do mundo cursaron parte dos seus estudos nalgún dos centros da Universidade de Vigo: 113 viñeron para pasar todo o curso; 208 só o primeiro cuadrimestre e 174 optaron polo segundo. A maioría (359) chegaron grazas a algunha das modalidades do programa Erasmus, pero cada ano increméntanse tamén aqueles que chegan de diferentes lugares do mundo grazas a convenios bilaterais (93) ou a outro tipo de bolsas (Fundación Carolina, ISEP, GE4, Pronabec...). Nestes momentos, Vigo ten matriculados 378 estudantes doutras nacionalidades, aos que haberá que sumar todos aqueles que cheguen aos campus co comezo do segundo cuadrimestre, xa en 2015.

Ningún comentario:

Publicar un comentario