Condiciona
a tecnoloxía os cambios que sofren os lugares onde vivimos? A
resposta é si, e de que xeito? Estas cuestións son a base sobre a
que se asenta o
certame organizado pola Axencia
para a Modernización Tecnolóxica de Galicia
(AMTEGA) dentro da campaña para a participación cidadá no
proceso de elaboración da nova estratexia tecnolóxica da Xunta.
Estamos a falar do concurso Curtas co móbil,
da Axenda Dixital de Galicia 2020, unha proposta encamiñada a mozas
e mozos galegos matriculados na ESO ou Bacharelato (de 14 a 18 anos).
E cales son os obxectivos desta
proposta? Pois explorar a creatividade audiovisual da mocidade a
través da gravación de curtametraxes, fomentar o traballo en equipo
e o uso da lingua galega, así como sensibilizar sobre a importancia
do desenvolvemento tecnolóxico da Comunidade e dar a coñecer a
estratexia tecnolóxica global impulsada pola Xunta de Galicia.
A participación poderá ser de
xeito individual ou por grupos dun máximo de 5 persoas, e amosar a
súa destreza cinematográfica coa gravación dun vídeo dun máximo
de 3 minutos de duración onde se visualice como imaxinan que a
tecnoloxía transformará Galicia no futuro. Cadanseu equipo
designará un titor que forme parte do persoal docente do centro
educativo. A súa tarefa será velar polo cumprimento das normas do
concurso e levar a cabo a inscrición e a entrega das curtas para o
concurso.
En canto ao prazo de presentación
de solicitudes e os seus correspondentes vídeos, dicir que fica
aberto dende onte até o 30 de novembro de 2014.
Os centros educativos interesados
en participar, poderán realizar a súa inscrición de balde a través
do formulario en liña dispoñíbel no blog XenteDixital.
Xunto ao cumprimentado do formulario o titor do equipo deberá
achegar a ligazón ao vídeo, previamente subido a unha canle de
YouTube do centro educativo ou do titor.
Os vídeos recibidos publicaranse
en XenteDixital e nas redes sociais da AMTEGA e serán valorados por
un xurado especializado no eido da Sociedade da Información e as
novas tecnoloxías, formado por 2 representantes da AMTEGA, 1
representante da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación
Universitaria e 1 profesor de ESO/Bacharelato, que preseleccionará
os cinco vídeos finalistas.
Os vídeos finalistas serán
publicados en Facebook,
dentro do apartado Elixe o vídeo finalista do concurso!, no
que calquera internauta que o desexe poderá votar. Os vídeos
gañadores serán os dous que máis Gústame! obteñan dentro
do apartado.
E
cal será o premio? Consistirá nunha tableta para cada alumno
responsable do vídeo máis votado e unha minitableta para cada un
dos alumnos responsables do segundo vídeo máis votado. Ambos os
dous vídeos serán publicados como gañadores en XenteDixital
e en Facebook.
Ningún comentario:
Publicar un comentario