Só un seis por cento das persoas terminan traballando no que soñaron de
nenos, segundo un estudo da Universidade Carlos III de Madrid (UC3M)
xunto á London School of Economics que analiza os procesos que inflúen
na formación das aspiracións ocupacionais dos preadolescentes.
De acordo coa investigación, na elección interveñen, entre outros
factores, os estudos dos pais ou a propia autoestima, o que provoca que
as fillas que teñen proxenitores con carreiras universitarias tenden a
aspirar á cúspide da xerarquía ocupacional; ou que os nenos cun nivel de
autoestima máis alto son os que aspiran a ocupacións menos típicas do
seu sexo.
O estudo afirma que os nenos que aspiran a profesións consideradas
"típicas do seu sexo" teñen o dobre de posibilidades de terminar
desempeñando algunha delas na idade adulta.
Para extraer estas conclusións, o estudo analiza dous factores
decisivos: aqueles que teñen que ver coas características da contorna
familiar dos nenos, as ocupacións dos pais e a distribución de roles de
sexo dentro do fogar; e a psicoloxía deses nenos, en particular o seu
grao de motivación na escola e a súa autoestima.
O comportamento dos pais ante as tarefas do fogar inflúe en como
aprenden os nenos os roles que resultan máis apropiados para cada sexo.
Nas familias cunha repartición moi tradicional das tarefas domésticas, os nenos aspiran a profesións habitualmente masculinas.
Con todo, esta conclusión non é aplicable ao sexo feminino, xa que as
nenas procedentes de familias igualmente tradicionais na distribución de
roles non eran máis proclives a desexar traballos típicos do seu sexo.
Outra evidencia que atopou a investigación é que os recursos socioeconómicos dos pais afectan á ambición profesional dos nenos.
As fillas que teñen pais con estudos universitarios tenden a aspirar á
cúspide da xerarquía ocupacional (directivas, managers...), ocupacións
"onde existen menos mulleres e, xa que logo, son menos típicas do seu
sexo".
En canto aos fillos con pais universitarios, o profesor da UC3M Javier Polavieja, que publicou o estudo na revista Social Forces xunto
con Lucinda Platt, profesora de Política Social e Sociología na London
School of Economics, sinalou que "teñen ocupacións menos habituais que
aquelas desempeñadas por outros membros do seu sexo". "Probablemente a
educación dos pais leva un tipo de valores máis igualitarios que os
nenos aprenden en casa", apuntou.
Respecto da autoestima, o sociólogo Javier Polavieja asegurou que "ten
unha importancia moi alta, sobre todo no caso dos nenos", xa que elixen
profesións menos típicas para o seu sexo "porque teñen maior capacidade
para ir en contra das normas de xénero".
Para desenvolver este estudo, os investigadores analizaron as
aspiracións profesionais de nenos de ambos os sexos con idades
comprendidas entre 11 e 15 anos.
Os datos que utilizaron, obtidos do British Household Panel Survey,
corresponden a unha mostra de 1.693 nenos e 1.667 nenas, que foron
enquisados repetidamente desde a infancia ata os seus primeiros
traballos significativos como adultos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario