As bibliotecas públicas das cidades galegas e as bibliotecas
escolares das catro provincias convértense nos principais escenarios
desta celebración, que inclúe exposicións, conferencias, obradoiros,
ciclos de cine, mostras bibliográficas, coloquios, guías de lectura,
espectáculos de maxia e teatro, concursos e sesións de xogos para
celebrar o Mes da Ciencia durante as próximas semanas.
Ler e vivir a ciencia en galego
Para ler e vivir a ciencia en galego, a Biblioteca de Galicia e
bibliotecas públicas galegas ofrecen múltiples propostas para animar a
grandes e pequenos a conmemorar o Mes da Ciencia, que se poden consultar
na axenda de Cultura da Xunta de Galicia, na páxina web www.cultura.gal/axenda.
Coloquios e conferencias
Nesta programación conmemorativa non faltarán os coloquios e as
conferencias, como a que ofrecerá en Lugo o científico Ángel Carracedo,
que afondará no impacto que o coñecemento do xenoma está a ter noutras
disciplinas como a xustiza, a medicina ou mesmo o coñecemento da
historia. O biólogo do Centro Oceanográfico da Coruña Manuel Vázquez
Brañas abordará na cidade herculina a investigación sobre o mar e os
océanos, mentres que, na capital de Galicia, o profesor Ramón Cid falará
do CERN, o Laboratorio Europeo de Física de Partículas Elementais.
A
importancia da transferencia de información entre científicos e
sociedade centrará a conferencia que o profesor Luís Navarro ofrecerá na
cidade compostelá, onde tamén se desenvolverá a charla-coloquio
"Videoxogos, tecnoloxía e familia", a cargo de Imaxín.
Obradoiros científicos
Os obradoiros científicos serán outros dos protagonistas desta
programación, con propostas como as que promoverá a Biblioteca de
Galicia para viaxar por diferentes pratos do menú dun castro a través da
arqueoloxía, para descubrir os segredos que agocha o sal de mesa e para
experimentar co carbono. Tamén en Santiago de Compostela, a biblioteca
Ánxel Casal organizará obradoiros infantís de ábaco e cálculo mental,
xunto con actividades de divulgación da astronomía para todas as idades
en colaboración co Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC.
Os nenos e nenas que se acheguen á biblioteca pública de Lugo terán
ocasión de aprender outras formas de cociñar, como fritir un ovo sen
aceite e sen calor, mentres que a biblioteca pública de Ourense se
converterá nun laboratorio de experimentos para que os rapaces e rapazas
descubran o científico que levan dentro. Na biblioteca pública o
obradoiro "Ciencia e maxia" terá como fío condutor a figura do Padre
Feijoo, no ano no que se conmemora o 250 aniversario do pasamento do
frade bieito.
Propostas audiovisuais
O
audiovisual tamén estará presente nesta celebración a través de ciclos
de cine como o que acollerá a biblioteca pública de Ourense, organizado
polo Cineclube Padre Feijoo en colaboración co Instituto Goethe; así
como coas proxeccións de dous audiovisuais sobre os polbos e os cabalos
de mar na biblioteca Juan Compañel.
Espectáculos de maxia e teatro
As actividades tampouco se esquecerán da maxia e do teatro. A
Biblioteca de Galicia abrirá a súa programación dedicada á ciencia coa
peza teatral Que traballo tan curioso, para público familiar,
mentres que a biblioteca pública de Lugo ofrecerá o espectáculo "O que a
maxia esconde", con divertidos trucos centrados na auga.
Diversas mostras bibliográficas e exposicións sobre temáticas coma a
vida dos romanos e dos castrexos, a necesidade de protexer os
ecosistemas mariños, así coma os inventos que revolucionaron o mundo,
entre outras, completan a programación nos centros da Rede de
Bibliotecas de Galicia de xestión autonómica.
Máis información no web da SXPL.
Ningún comentario:
Publicar un comentario