Un total de 30.336 docentes están chamados a votar o 4 de decembro no ensino público non universitario. Unhas eleccións que chegan en plena loita do profesorado para facer fronte á ofensiva neoliberal e privatizadora máis grave sofrida polo ensino público galego.
O 4 de decembro 30.336 galeg@s están chamados a votar, das maiores citas coas urnas en Galiza fóra das que se realizan para elixir representantes políticos (Parlamento, concellos). Son as eleccións no ensino público galego non universitario. Desde os anteriores comicios, en 2010, decorreron catro anos nos que este sector tivo que afrontar unha ofensiva brutal. Por iso as eleccións do vindeiro 4 de decembro teñen unha importancia engadida, recoñecen todos os sindicatos. "Unha participación alta sería evidenciar máis unha vez o rexeitamento total á política educativa da Xunta", en palabras de Anxo Louzao, secretario nacional de CIG-Ensino, a forza maioritaria no sector.Na mesma liña maniféstase Luz López, secretaria xeral de CCOO, segunda forza no ensino non universitario en Galiza: "A Consellaría de Educación vai mirar con lupa os resultados, principalmente a participación. Non votar nestas eleccións sería un erro", manifesta a Sermos Galiza.
Advertencia da que non se tomou nota
A CIG foi a gran vencedora das eleccións sindicais de 2010, obtendo o 43,5% dos votos e o 42,5% d@s delegad@s . Atinxiron 62 representantes d@s 146 en disputa. O segundo posto foi, a distancia, para Comisións Obreiras, con 26. UXT obtivo 22, ANPE, 18; STEG, 14; e CSIF conseguiu 4. Coñecidos os resultados, o secretario nacional da CIG emprazaba a Consellaría de Educación a "tomar nota da gran reprobación que as urnas fixeron do seu modelo educativo". Preguntámoslle a Louzao se, efectivamente, Xesús Vázquez tomara nota: "Estes catro anos amosan claramente que non, que é un conselleiro totalmente sumiso a Madrid e ao modelo reaccionario, autoritario e españolizador que queren impoñer".
Ningún comentario:
Publicar un comentario