Hai figuras tan sobranceiras que
as palabras para falar delas sempre resultan escasas. É o caso de
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, un home cheo de valores a
subliñar e sempre ao servizo da súa terra. Considerado o pai
do nacionalismo galego, Castelao
salientou en moitas vertentes pois (alén de estudar Medicina) foi
narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político galego. Da
prolífica carreira deste rianxeiro moito se ten falado mais, até o
de agora, ninguén reparara na necesidade de elaborar un estudo
conxunto da súa obra gráfica coa que afondar na súa faceta de
artista e analizar a evolución da súa traxectoria como ilustrador.
Co
fin de poñerlle remedio a isto naceu un proxecto da man da
Universidade de Vigo: Castelao. Obra
gráfica. A construción dun discurso estético, político e social
transoceánica.
Liderado pola catedrática
emérita Mª Victoria Carballo-Calero, chega ao seu seu fin cun
obxectivo claro: levar a cabo un estudo minucioso da parte gráfica
do escritor e facer un inventario dos fondos de ilustracións en
libros e revistas de vangarda en Galicia, até o de agora espallados
en bibliotecas públicas e privadas.
Así, dentro do proxecto, e
como punto fundamental para garantir a protección, difusión e
investigación da obra do artista, os investigadores do Departamento
de Historia, Arte e Xeografía da Facultade de Historia de Ourense
acaban de crear unha páxina
web que serve de “quilómetro cero a partir
do que ir pendurando a recompilación da obra gráfica de Castelao
para que se poida consultar ou mesmo descargar e con toda a
información de cada unha das imaxes”, como explicaba o seu
deseñador, José Luís Orge.
A dixitalización deste catálogo
permitirá elaborar unha base de datos en liña útil tanto para a
investigación coma para a ensinanza. “Neste intre estamos subindo
moitas imaxes que non son tan coñecidas e que son moitas. E todo
grazas ao traballo de baleirado de xornais e revistas da época”,
salienta Carballo-Calero, que dirixe ao equipo de investigadores
conformado por Susana Cendán, Diana Vilas, Marta López, Yolanda
Barriocanal e Roberto Vázquez.
Ningún comentario:
Publicar un comentario