De aplicarse imporía unha das reconversión máis graves sufridas polo profesorado.
A CIG-Ensino vén de exixirlle ao
Ministerio a retirada do proxecto de Real Decreto de Especialidades polo
seu contido altamente lesivo para as condicións laborais e profesionais
do profesorado e para a calidade do ensino. A CIG-Ensino levará a cabo
unha campaña para paralizar a súa aprobación xa que estamos ante unha
reforma que de aplicarse imporía unha das reconversión máis graves
sufridas polo profesorado, con serias consecuencias para a calidade do
ensino.
“Estamos ante un borrador de decreto que responde ao
desenvolvemento da LOMCE que como xa tiña denunciado a CIG-Ensino ía
comportar despedimentos de interinos e interinas, mobilidade funcional,
precariedade laboral, reconversión do profesorado, aumento do tempo en
expectativa, precariedade dos postos de traballo e obriga de exercer a
docencia en materias diferentes das que se é especialista, sen importar a
formación e os coñecementos do profesorado nin a calidade do ensino”,
denuncia Anxo Louzao, secretario nacional da CIG-Ensino.
En
opinión da CIG-Ensino a proposta de borrador ten como obxectivo
flexibilizar e desregularizar as especialidades do profesorado e
facilitar a impartición de docencia nun corpo diferente ao que se
pertence para reducir, aínda máis, os cadros de persoal dos centros. O
proxecto contempla a creación dun profesorado polivalente, que vai ser
de nivel e non de especialidade nos primeiros cursos da ESO e a
introdución, por exemplo, de docentes de linguas estranxeiras á marxe do
sistema ordinario de acceso á función pública docente.O proxecto de Real decreto foi debatido nunha reunión da Mesa Sectorial do Ensino do MECD o 5 de novembro, na que a CIG-Ensino pediu a súa retirada. O Ministerio remitiu o proxecto dous días antes da reunión, imposibilitando calquera debate e información ao profesorado e só accedeu a dar de prazo até o 26 de novembro para enviar achegas.
Con esta proposta o profesorado será multifuncional, sobrecargarase o seu horario e terá que investir máis tempo na preparación da aulas. A maioría das materias terán menos profesorado especialista e a atención á diversidade desaparece. De non impedir a súa aplicación o traballo dos e das docentes farase e inasequíble en moitos casos e a merma na calidade educativa será profunda, con consecuencias máis nefastas para o alumnado con necesidade de reforzo e apoio educativo.
“De feito o propio Ministerio na súa presentación non tivo reparo en facer referencia aos conceptos de polivalencia, flexibilidade, rendabilidade e eficiencia para definir o contido do proxecto de real decreto. Terminoloxía neoliberal que enmascara despedimentos, precariedade laboral, mobilidade, desregulación e explotación, que concibe a educación como unha mercadoría máis e un ben de consumo só ao alcance duns poucos - engade Anxo Louzao. Máis unha vez temos que denunciar a actitude do conselleiro que en lugar de situarse en contra do proxecto que supón un torpedo á calidade do ensino e á dignidade do profesorado, asume como bo vasalo os mandatos de Madrid actuando como un militante disciplinado do PP e non como conselleiro de Educación”.
A CIG-Ensino esixe a retirada do borrador e inicio dunha negociación, previo debate co profesorado, que estabeleza os fundamentos e criterios para fixar as especialidades do profesorado, que observe o principio de especialidade, formación e coñecemento e evite a impartición de materias das cales non se é especialista.
PROXECTO DE REAL DECRETO DE ESPECIALIDADES
Ningún comentario:
Publicar un comentario