O 13 de novembro de 2014 a Modern Language Association (MLA), a 
través da súa Directora Executiva, Rosemary G. Feal, fixo pública a 
aprobación definitiva do Foro Galician Language, Literature and Culture 
(LLC), no seo da súa organización, destacando así mesmo que "the 
creation of a forum on Galician studies represents an important addition
 to the MLA forum structure". Con esta decisión, a lingua, literatura e 
cultura galegas intégranse no organigrama da MLA, en pé de igualdade 
coas demais linguas, literaturas e culturas do mundo.
  Culmínase 
deste xeito un proceso iniciado en maio de 2013 coa posta en marcha 
dunha campaña a grande escala destinada a conseguir apoios para a 
creación deste foro na Modern Language Association,
 a maior corporación académica do mundo, en particular no ámbito das 
linguas, literaturas e culturas. Nos Estados Unidos e Canadá, a MLA 
establece estándares para a investigación, organiza un congreso anual de
 todas as disciplinas dentro do campo das linguas, literaturas e 
culturas, fornece os recursos para realizar entrevistas de traballo 
neses mesmos eidos e, en xeral, é aceptada como a corporación que valida
 e recoñece os estándares académicos neste país e, en boa medida, 
internacionalmente.
  Como organización de referencia, a creación 
dun foro de calquera cultura, lingua e literatura adicional recoñecida 
pola MLA precisa dun rigoroso, exhaustivo e protocolizado proceso que 
debe pasar diversas e moi esixentes instancias e filtros burocráticos, 
académicos e organizativos, antes de poder ser emitido o ditame 
favorable que permite crear ese novo foro. Previamente, un número 
substancial de socios (profesores e investigadores) da MLA deben 
solicitar a súa aprobación. O foro MLA Galician Studies foi nesta 
revisión de programas, realizada no bienio 2013-14, o que máis adhesións
 recibiu, con diferenza, de todos os solicitados (algún dos cales foi 
denegado).
  Da MLA formaban xa parte as principais linguas do 
mundo, así como tamén un grupo selecto de linguas, culturas e 
literaturas minorizadas, entre as que se encontran a catalá, a escocesa 
ou a yiddish, entre outras.
  A lingua, literatura e cultura 
galegas entran así a formar parte deste exclusivo club mundial como 
resultado, primeiro dunha campaña apoiada por máis de 300 profesores e 
investigadores de todo o mundo, na súa maioría pertencentes a 
universidades norteamericanas, pero tamén doutros países de fala 
inglesa, e mesmo de Galicia, Portugal, Brasil, España, Arxentina, etc.
 
 O comité executivo proposto, e agora aceptado por MLA, constituído por 
socios da mesma e que foron tamén autores da proposta, está formado por:
 Kirsty Hooper (Univ. Warwick, UK), Eugenia Romero (Ohio State 
University, USA), Obdulia Castro (Regis College, USA) e Gabriel 
Rei-Doval (Universidade de Wisconsin-Milwaukee, USA). Na elaboración da 
proposta participou igualmente Benita Sampedro (Universidade Hofstra, 
USA), José María Rodríguez García (Duke University, USA) e Miguel 
González Abellás (Universidade Washburn, USA).
  A partir do 13 de
 novembro, data en que se recibiu a carta da Directora Executiva da MLA,
 a lingua, literatura e cultura galegas forman parte xa da asociación 
con plenos dereitos.
  Con todo, a primeira edición do Congreso 
Anual da MLA en que se celebrarán sesións regulares sobre estudos 
galegos chegará en xaneiro de 2016 (en Austin, Texas), onde dúas sesións
 serán dedicadas á nosa lingua, literatura e cultura.
  Máis información en Galicia Confidencial e Praza Pública.
 
Ningún comentario:
Publicar un comentario