A central sindical realizou concentracións diante dos edificios administrativos reclamando un cambio nas políticas neoliberais do PP.
A Área Pública da CIG (CIG-Ensino,
CIG-Saúde e CIG-Administración) desenvolveu este mércores concentracións
diante dos edificios administrativos da Xunta de Galiza en rexeitamento
ao Anteproxecto de Lei de orzamentos presentados polo Goberno galego
para 2015. Uns orzamentos continuístas que afondan na destrución dos
servizos públicos, no recorte das condicións laborais e salariais das
súas empregadas e empregados e que non permitirán recuperar o traballo
destruído.
A
respecto da cuestión económica, Maricarme López Santamariña, voceira da
Área Pública da CIG, sinalaba que dende o ano 2010 os traballadores e
traballadoras ao servizo das administracións perderon un 30,9% da súa
capacidade retributiva. Ademais, apuntou, séguese afondando nas
diferenzas salariais entre o persoal das distintas administracións, xa
que “o Estado recuperou o cobro íntegro das pagas extraordinarias,
mentres que a Xunta mantén o recorte do 40% nas dúas pagas, o que
implica unha nova baixada do 7% dos nosos salarios para o próximo ano”.
López
Santamariña criticou tamén que o Executivo de Feijoo siga o ditado de
Madrid e manteña a taxa de reposición no 0%, agás no caso dos servizos
esenciais (como saúde ou ensino), que se sitúa nun 50%, claramente
insuficiente para cubrir as vacantes producidas nos últimos anos. Por
iso aseverou que “estes orzamentos implicarán a desaparición de servizos
públicos e o aniquilamento total doutros. Xa estamos vendo, a día de
hoxe, o que isto significa para a administración: externalización e
privatización dos servizos públicos”. Unhas privatizacións que, alertou,
están no fondo dos escándalos de corrupción que a diario se destapan.Dende a Área Pública da CIG demándase un cambio nas políticas neoliberais do executivo galego; a recuperación do poder adquisitivo do persoal dependente da Xunta de Galiza e a supresión dunhas taxas de reposición que afogan os servizos públicos minguando a súa calidade. Isto xunto coa exixencia de que se devolvan, enteiras, as pagas extra de todos estes anos.
Ausencia de investimento produtivo
Pola súa banda, o Secretario Xeral da CIG, Xesús Seixo, que participou na protesta realizada diante da Delegación de Facenda na Coruña, valorou que a formulación dos Orzamentos da Xunta entra en contradición cos propias perspectivas de crecemento económico defendidas dende o Goberno do PP. “Se é certo que vai haber recuperación económica e o PIB galego vai medrar, o normal sería que a Xunta modificara as políticas de austeridade e recortes e apostara por recuperar uns servizos públicos que son fundamentais para a calidade de vida e para xerar emprego, que é o gran problema que temos”, sinalou.Pero a orientación das contas da Xunta non camiña nesta liña, de igual xeito que non se incrementa o investimento público nin o investimento nos sectores produtivos que contribúa a reactivar a economía. Neste senso, Seixo criticou que o PP fundamente as políticas de recuperación en precarizar condicións laborais e rebaixar os salarios baixo o argumento de aumentar a competitividade e as exportacións, cando os países da UE aos que fundamentalmente exporta o Estado e Galiza se atopan nunha situación de crecemento mínimo e mesmo corren serio perigo de entrar en recesión.
“Coa caída dos salarios e a precarización non se vai reactivar o consumo interno -hai que lembrar que a grande maioría das empresas galegas producen para o mercado interno- e polo tanto non se reactivará a economía nin se xerará emprego. Con este tipo de orzamentos e de políticas non vemos saída nin que mellore a situación de anos pasados. Séguese a destruír moito emprego indefinido e a cambialo por emprego temporal e, sobre todo, por emprego a tempo parcial”, advertiu.
O Secretario Xeral da CIG entende que o PP pretende trasladar unha visión moi positiva á cidadanía de cara aos procesos electorais do 2015 “nos que o se xoga perder a maioría absoluta”. A realidade, non obstante, é que nos seguimos movendo en índices de desemprego históricos, cunhas cifras alarmantes de parados/as de longa duración e de traballadores/as que non cobran ningún tipo de prestación -e que se atopan en serio perigo de caer nunha situación de pobreza e exclusión social-, mentres se seguen deteriorando os servizos públicos e os sistemas de protección social.
Ningún comentario:
Publicar un comentario