A web da ciencia galega celebra o seu primeiro aniversario consolidada entre os oito primeiros diarios de Galicia en Internet e primeiro nativo dixital.
Cumprimos un ano e chegamos ao máis alto. GCiencia está de aniversario o 25 de novembro e celébrao convertido no primeiro medio dixital nativo de Galicia (ránking Alexa outubro 2014) e o oitavo galego en Internet, por riba das versións dixitais de xornais de gran tradición como Atlántico Diario, Diario de Arousa ou El Ideal Gallego. Somos o medio de referencia para a investigación, a innovación e a ciencia na Comunidade.Ao longo destes 12 meses, publicamos 982 artigos, reportaxes, entrevistas, blogs, fotografías e contidos audiovisuais. Contamos coa colaboración de científicos de recoñecido prestixio, a través de tribunas de opinión. E demos conta, día a día, das novidades da ciencia en Galicia, tamén a través das redes sociais, chegando a amplos públicos a través de Youtube, Facebook, Menéame, Twitter, LinkedIn ou Google Plus.
GCiencia é unha publicación de Ciencia Galega Industrias Creativas S.L. creada e codirixida por Pablo López e Eduardo Rolland, dous xornalistas de contrastada traxectoria profesional. O seu coordinador dixital é Alberto Quian. Neste primeiro ano, os contidos ofrecidos pola plataforma dixital suman máis dun millón de visitas que chegaron dende a práctica totalidade de países do mundo, con noticias que alcanzaron picos de decenas de miles de clics.
Tamén ofrecemos en directo algúns fitos científicos, como o lanzamento do satélite Humsat-D, da Universidade de Vigo, en vídeo por streamming dende Rusia. Ou a cometizaxe da nave Philae dende a sonda Rosetta, con imaxes cedidas pola Axencia Espacial Europea.
GCiencia, tras un período de creación e consolidación, encara o seu segundo ano co reto de avanzar. Para iso, agradecemos o apoio de anunciantes, partners e colaboradores, que nos permitiron asumir os custos de lanzamento e de consolidación do proxecto. Agora, ademais, contamos cun novo aliado. Porque GCiencia logrou o aval da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) para formar parte do seu programa de cultura científica, tecnolóxica e da innovación, o máis importante que se desenvolve en España. O organismo do Ministerio de Economía e Competitividade seleccionou o proxecto da web da ciencia galega para o financiamento de distintas liñas de actuación, que GCiencia levará a cabo entre 2014 e 215.
GCiencia é, con El País, Efe e TVG, un dos catro únicos medios de comunicación que aparecen no listado da Fecyt. En Galicia, só outras sete institucións superaron o proceso de selección: os concellos de Pontevedra e A Coruña, a Xunta, a Universidade de Santiago de Compostela, TVG e as entidades Ceo Aberto e SGAPEIO.
As tres liñas de actuación que GCiencia desenvolverá en colaboración coa FECYT son as denominadas BioGalicia e Innovar para Emprender (I+E) e un plan de contidos audiovisuais.
GCiencia celebra o seu primeiro aniversario cunha programación especial dende o pasado venres, 21 de novembro, día en que se publicou un editorial sobre o tema. Ademais, publicamos tribunas de opinión, escritas para GCiencia con motivo do aniversario, dos reitores das tres universidades de Galicia, do conselleiro de Educación e de científicos de recoñecido prestixio na comunidade. Así mesmo, publicamos un regalo que nos fixo o músico vigués Nicolás Pastoriza: a súa canción ‘Antimateria’, que aparecerá no seu próximo disco, estréase nun vídeo editado polo realizador Luis Montenegro que rende tamén homenaxe á misión Apolo 12, que cumpre agora 45 anos.
Lea o artigo en castelán.
Ningún comentario:
Publicar un comentario