A decisión prexudica a aqueles docentes galegos que superaron a oposición noutra comunidade autónoma e aspiraban a volver a Galicia a través dun concurso estatal.
O concurso de traslados de profesores que se
levou a cabo este ano está pendente de que o Tribunal Superior de
Xustiza de Galicia resolva varios recursos, polo que a Consellería de
Educación decidiu non convocar prazas no proceso estatal que se inicia
agora e se desenvolverá no 2015. Pero si elaborou unha orde -da que xa
hai borrador- para que o profesorado que ten praza fixa en Galicia poida
participar nos concursos do resto de comunidades autónomas, é dicir,
que os profesores de Galicia poderán trasladarse a outras, pero non ao
revés. Esta decisión, que a Xunta anunciou hai semanas, prexudica
basicamente a aqueles docentes galegos que superaron a oposición noutra
comunidade autónoma e aspiraban a volver a Galicia a través dun concurso
estatal.
Todos os sindicatos se mostraron en contra desta
medida, e o último en facelo foi UGT, que asegura que a Xunta volve non
axustarse á normativa estatal, o que pode levar a unha nova
xudicialización «por parte do profesorado que ve restrinxido ou seu
dereito á mobilidade», sosteñen.
Dende a Consellería de Educación aseguran que as
prazas que queden vacantes porque o profesorado participa no concurso
estatal de traslados non pasarán a formar parte das que se convoquen na
oposición anunciada para o 2015, xa que non son oficialmente vacantes
ata o próximo mes de setembro.
Á espera de tres sentenzas
O concurso anterior de traslados, de ámbito
autonómico, xerou polémica por baremar por primeira vez os anos
traballados en situación de interinidade. Ata tal punto que se
presentaron recursos xudiciais que deron a razón en tres sentenzas aos
recorrentes. Nestes momentos presentáronse recursos de apelación nos
tres casos no Tribunal Superior, polo que Educación decidiu non convocar
prazas no concurso estatal á espera da resolución xudicial. Durante
este curso 2014-2015 os profesores que participaron no proceso tomaron
posesión dos novos destinos de forma provisional, malia que sobre o
baremo pesan tres fallos xudiciais que o anulan parcialmente.
Ningún comentario:
Publicar un comentario