O dominio entra na fase aberta a vindeira terza feira (2 de decembro). Hai case mil .gal prontos para activarse.
A Asociación PuntoGal presentou na Escola de Enxeñaríade Telecomunicación (Universidade de Vigo) a Fase Aberta do dominio .gal. O 2 de decembro ábrese o dominio sen ningún tipo de restrición a toda a cidadanía. “Quen queira promover a súa marca ou destacar o valor engadido do seu produto, promover a cultura galega ou destacarse coa referencia ó noso na internet xa ten a súa oportunidade”. Ese mesmo día -terza feira da vindeira semana- estarán activos todos os dominios solicitados nas fases Abrente e Carreira que cumpran coas esixencias establecidas.Fase Aberta
O acto de presentación da Fase Aberta, celebrado na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e presidido polo Reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato contou coa intervención do Presidente da Asociación PuntoGal, Manuel González e a Directora Xeral da Asociación, Edita de Lorenzo.
Finalizan así as fases previas do dominio .gal. Foron mais de 90 os dominios chamados pioneiros que se activaron o 25 de xullo deste ano, día de Galicia. E, a partir do día 2 de decembro, estarán activos todos aqueles dominios que cumpran cos requisitos das fases Abrente e Carreira co que teremos case que 1000 dominios .GAL en internet, informou Edita de Lorenzo, Directora Xeral do dominio.
Entre os dominios solicitados na fase Abrente pódense atopar grandes coñecidos na internet coma facebook.gal, google.gal e wordpress.gal, grandes empresas como gasnaturalfenosa.gal, televes.gal e lacaixa.gal e nomes tan nosos como xabarin.gal ou illascies.gal ademais dun número importante de marcas locais. A Asociación PuntoGal porá en marcha unha campaña onde se publicitará o dominio .GAL como elemento de promoción da lingua e cultura galegas. Baixo o lema “Os galegos temos un Punto”, trátase de dar a coñecer o dominio .GAL como lugar común na Rede, un punto de encontro, con imaxes que transmiten cun sorriso o xeito especial de facer as cousas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario