O pasado 16 de setembro a sede da Real Academia Galega (RAG)
na Coruña anunciouse
a comezo da Fase de Lanzamento do dominio .gal, período que remata mañá
mesmo e que permite que grupos con dereitos preferentes poidan solicitar o seu
nome de dominio co sufixo .gal sen ter que someterse ao criterio de orde de
chegada que se aplicará unha vez iniciada a Fase Aberta o mes que vén. Temos
así que as empresas, entidades e mesmo particulares que queiran garantir a
activación do seu dominio .gal nas vindeiras semanas, evitando que alguén se
lles adiante no rexistro, teñen agora unhas poucas horas para realizar os
trámites que permítanlles optar por un dos primeiros dominios galegos na
Internet, que serán os primeiros que se activen tras o Programa Pioneiros (que
contou cun número moi reducido de dominios activados).
Os interesados en beneficiarse das condicións desta Fase de Lanzamento poden recorrer a
unha serie de axentes rexistradores
acreditados que figuran na páxina web do dominio .gal e que son as
compañías que permite este rexistro prioritario que non hai que confundir coa
oferta de pre-rexistro que ofrecen
algunha destas empresas, e que consiste en intentar
realizar o rexistro dos dominios solicitados nos primeiros minutos da Fase
Aberta (o que carece de garantías de ningún tipo).
Durante as horas que restan da Fase de Lanzamento será posible realizar
rexistros no .gal coa seguinte orde de prioridade:
1.- Marcas validadas na Trademark Clearing House (TMCH), unha base de datos de
marcas internacionais establecida por ICANN, o organismo que goberna as
direccións da Internet.
2.- Marcas do TMCH que non cumpran cos requisitos para usar un .gal, pero
queren asegurarse de que a súa marca non sexa rexistrada, aínda que non activen
inicialmente a súa páxina baixo os requirimentos de dominio .gal.
3.- Administracións públicas de calquera ámbito con competencia en Galicia e
entidades de promoción da cultura e da lingua galegas. Institucións e entidades
(consorcios, axencias, comisións, fundacións, asociacións etc.) poderán
solicitar, entre outros, nomes xeográficos con relevancia, os propios nomes das
entidades, o dos seus servizos en liña e as súas marcas rexistradas.
4.- Marcas rexistradas a calquera nivel con validez en Galicia. Tamén as
denominacións de orixe rexistradas.
5.- Calquera que tivese ata agora unha web, un portal web etc, e veña
promovendo a cultura galega e utilizando a lingua galega nas súas comunicacións
en liña baixo outro dominio pode solicitar o seu propio nome ou o nome dos
dominios rexistrados e usados.
No caso das Administracións públicas o prazo rematará o 25 de novembro. Os
casos anteriores son os que optarían polo programa de Abrente, que conta con
prezos axustados, mentres que quen desexe realizar un rexistro preferente e non
cumpra coas condicións anteriores tamén poderá solicitalo dentro do programa
Carreira, que como principal diferenza ten a ausencia de prioridade, de xeito
que no caso de haber varias solicitudes para un mesmo nome de dominio
decidirase o conflito mediante poxa.
Espérase que os dominios rexistrados nesta fase poidan activarse a partires do
2 de decembro, data na que se agarda a apertura xeral do rexistro de dominios
.gal, de xeito que o dominio galego na Internet comezaría a operar con
normalidade, culminando así un traballo de máis de 8 anos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario