O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación
Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e o presidente do Colexio Profesional de
Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG), Fernando Suárez, asinaron
hoxe un convenio de colaboración para a posta en marcha da iniciativa Programación nas Escolas, iniciativa
pioneira que se enmarca no proxecto Abalar. No acto de sinatura tamén estiveron
presentes o director xeral de Educación, FP e Innovación, Manuel Corredoira, e
o subdirector xeral de Ordenación e Innovación Educativa e Formación do
Profesorado, Manuel Vila.
Esta iniciativa ten como principal obxectivo ensinar aos
escolares, dunha maneira proactiva e lúdica, a programar, introducíndoos ao
pensamento computacional. Trátase de ofrecerlle aos alumnos e alumnas de
primaria as ferramentas necesarias para comprender que son e como funcionan os
ordenadores e os programas e aplicacións informáticas que rexen o día a día.
Deste xeito, poderán entender moito mellor a realidade na que se moven ao tempo
que se fomentan as súas capacidades creativas na medida en que poden crear as
súas propias aplicacións interactivas como animacións, videoxogos ou
simulacións, entre outros.
Así mesmo, a iniciativa tamén contempla a formación de
profesores e de pais e nais, para que incorporen a programación a aspectos como
a creatividade e a resolución de problemas. E dicir, facelos partícipes, a
través da programación, da mellora das competencias en ciencias e tecnoloxía,
así como das competencias comunicativas, artísticas e dixitais do seu alumnado.
A Programación nas
Escolas está dirixida ao conxunto da comunidade escolar dos centros Abalar,
e ven de complementar outros proxectos postos en marcha tamén en colaboración
co Colexio de Informática como o ‘Navega con rumbo’.
O CPEIG encargarase de levar a cabo unhas xornadas
divulgativas que abranguen toda a comunidade educativa, é dicir, alumnos,
profesores, e pais e nais. Segundo se establece no convenio, realizaranse un
total de 10 xornadas entre outros tantos centros escolares seleccionados. Pola
súa banda, a Consellería de Cultura e Educación, ademais de coordinar as
xornadas, a través do espazoAbalar porá a disposición da comunidade educativa
os contidos dixitais axeitados para reforzar dito programa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario