O ránking de Shangai publica os seus datos, que sitúan á USC entre as 100 máis destacadas en Matemáticas.
A Universidade de Santiago mantense un ano máis entre as 500 mellores universidades do mundo
segundo a avaliación anual do Academic Ranking of World Universities
(ARWU), clasificación que dende 2003 realiza a Universidade Jiao Tong de
Shanghai. Por grandes áreas de coñecemento, a USC continúa
figurando entre as 200 universidades de todo o mundo máis influíntes na
área de Ciencias Naturais e Matemáticas, concretamente no intervalo
150-200, e entre as 100 mellores institucións universitarias no eido das
Mátemáticas. As universidades da Coruña e de Vigo non aparecen no
ránking, ao estar situadas por baixo das 500 de primeira liña mundial.
De entre as mellores do mundo, este ránking sitúa un total de trece universidades españolas.
A de Santiago figura no intervalo 401-500 xunto á Politécnica de
Cataluña, Sevilla, País Vasco e Zaragoza. Tamén destacan a de Barcelona,
Autónoma de Barcelona, Autónoma de Madrid, Complutense de Madrid,
Pompeu Fabra, Politécnica de Valencia, Granada e Valencia.
Das 200 universidades máis destacadas na área de Ciencias Naturais e Matemáticas,
Santiago é das catro mellor posicionadas, a continuación da Autónoma de
Madrid e Valencia e no mesmo rango que Barcelona. Para realizar esta
clasificación, os indicadores cun maior peso na nota final (75% da
cualificación) son os investigadores altamente citados nunha serie de
ámbitos temáticos, os artigos indexados en Science Citation Index ou a
porcentaxe dos artigos publicados nas revistas de maior impacto.
No campo específico das Matemáticas
a de Santiago sitúase entre as cen universidades máis destacadas do
mundo segundo ARWU. Das españolas, consegue unha mellor posición a
Autónoma de Madrid (51-75), seguida da USC e Politécnica de Valencia que
se sitúan no intervalo 76-100.
Santiago sitúase tamén entre as 200 mellores do mundo en Ciencias Naturais
Para a elaboración do ránking ARWU, os responsables
do estudo identificaron máis de 2.000 universidades, de entre as que
avaliaron 1.200 para realizar a selección final das 500 primeiras do
mundo.
Calidade da docencia, do profesorado, produción
investigadora e rendimento per cápita son os criterios que avalía ARWU. Á
súa vez os indicadores a partir dos que se avalían estes criterios son o
número de profesores dunha institución premiados polo Nobel ou as
Medallas Fields e os investigadores con alto índice de citación (40% da
nota final); artigos publicados enSciencee Nature e os
artigos indexados en Sciencia Citation Index – Expanded e Social Science
Citation Index (40%); antigos alumnos da institución premiados nas
convocatorias do Nobel ou Fields (10%) e o rendemento académico per
cápita dunha institución (10%).
Ningún comentario:
Publicar un comentario