A
Tecnópole (Parque Tecnolóxico de Galicia) comunica que vén de
abrir o prazo para a recepción de proxectos destinados a concorrer
en Galiciencia 2015, prazo
que ficará aberto até o vindeiro 25 de outubro. A edición deste
ano da feira científica da Tecnópole, unha das máis importantes
citas do Estado en materia de mocidade investigadora (as científicas
e científicos do día de mañá), acubillará tralo proceso de
selección un total de 80 proxectos. Lembrar que Galiciencia celebra
en 2015 o seu décimo aniversario.
Segundo
informa a organización, aos 50 traballos que decote concorren na
feira-concurso na procura do primeiro premio (da man de estudantes de
Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional) engádense fóra de
certame 30
proxectos máis de alumnado
de Primaria e Educación Especial, “consolidando así a exitosa
experiencia piloto da anterior edición”, explica
a Tecnópole.
O
evento desenvolverase
entre o 18 e o 20 de novembro nas instalacións do Parque Tecnolóxico
de Galicia, no concello ourensán de San Cibrao das Viñas. “A súa
celebración”,
explica fontes do complexo empresarial,
“é posíbel
un ano máis grazas ao apoio da Consellería de Economía e
Industria, a través da Axencia Galega de Innovación”.
As
bases están xa dispoñíbeis
en galiciencia.com,
coa posibilidade de que calquera centro escolar envíe as súas
propostas. Os 50 proxectos participantes na competición estarán
expostos durante os tres días da feira, mentres que os de Primaria e
Educación Especial poderán verse en quendas de 10 propostas
diferentes cada día.
Recordar
que as actividades de celebración
do décimo aniversario da Galiciencia xa
comezaron no mes
de marzo cunha xira de espectáculos científicos por toda Galicia,
cun ciclo de cursos para que os docentes poidan axudar mellor aos
seus alumnos a preparar proxectos e co concurso para o deseño da
mascota oficial do evento. O elixido foi Micro,
creado por Sira Ricoy, alumna de 1º da ESO do IES Carlos Casares de
Vigo.
Volvendo
ao concurso-feira, sinalar que hai máis novidades a engadir ao
incremento de proxectos a amosar. Así, os premios serán
entregados agora
por categorías temáticas no
canto de por
ciclos educativos: serán seleccionados polo xurado o proxecto coa
mellor presentación oral, o máis innovador, o que acredite o método
e proceso de investigación máis definido e o mellor do eido das
humanidades. De entre todos estes, o que acade
a maior
puntuación levará o primeiro premio, dotado con 1.000 euros para
financiar a súa participación na feira científica estatal
Exporecerca 2016.
Ademais
de todo o
devandito, a
Tecnópole tamén
anunciou a posta
en marcha, un ano máis, do
seu programa de capacitación en habilidades innovadoras para
escolares, “este curso con novidades”. Así,
trala experiencia dos obradoiros de robótica de verán (que o Parque
cualifica de “experiencias
de éxito”), as
Aulas Tecnópole
terán este ano unha sección específica dedicada a esta temática.
A inscrición estará aberta ata o 30 de setembro.
As
Aulas Tecnópole retomarán a súa actividade por quinto ano
consecutivo no mes de outubro e cada xoves pola tarde acollerán un
grupo formado por un máximo de 45 alumnos e alumnas de 12 a 18 anos.
Segundo informa o
Parque Tecnolóxico de Galicia, “os seus
ámbitos de traballo estarán abertos a todas as áreas do
coñecemento, dende as novas tecnoloxías ata as ciencias ou as
humanidades”. Os participantes no curso terán ocasión de
presentar os seus proxectos en Galiciencia.
Pola
súa parte, as novas Aulas Tecnópole Robótica desenvolveranse
os mércores pola
tarde cun auditorio máis limitado, de 24 participantes. Dirixidas a
estudantes de 9 a 13 anos, recollen a testemuña dos obradoiros
de verán celebrados en Tecnópole ao longo dos últimos meses. O seu
obxectivo será achegar conceptos de programación aos máis pequenos
a través da construción e programación de robots.
Ningún comentario:
Publicar un comentario