luns, 7 de setembro de 2015

A arqueoloxía castrexa como nexo entre Galicia, Portugal e Zamora

O ciclo de conferencias da Universidade de Vigo en Castrelo do Val celebrou esta fin de semana unha nova edición.

O pasado 20 de xuño botou a andar no concello de Castrelo do Val un Ciclo de Palestras de Arqueoloxía Transfronteiriza organizado polo Grupo de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo (GEAAT) co obxectivo de potenciar o coñecemento dos recursos patrimoniais do val do Alto Támega e contribuír á súa valoración e conservación. Este sábado, as conferencias continúan afondando na cultura castrexa e nas pontes que tende entre o sur de Galicia, o norte de Portugal e Zamora.
 
Interese histórico e asociativo
A palestra, que leva por título, A Idade do Ferro en Zamora e as súas conexións coa área oriental de Galicia, tivolugar no salón de actos-biblioteca de Castrelo do Val ás 18.30 h e contoucoas intervencións principais dos arqueólogos José Carlos Sastre e Raquel Portilla, ambos da Asociación Zamora Protohistórica. Segundo explica Beatriz Comendador, promotora da iniciativa e directora dos proxectos arqueolóxicos desenvolvidos no Alto Támega polo GEAAT, son varios os aspectos de interese desta conferencia. Por unha banda, indica, permitirá “coñecer o traballo arqueolóxico que se está a realizar no xacemento de El Castillón, ocupado desde a Idade do Ferro ata o Alto Medievo”. Os castros do sur de Galicia, comenta, teñen características que os fan diferentes dos do norte polo que é importante coñecer os da contorna lusa e zamorana para ver similitudes e diferenzas. 
 
En segundo lugar, engade a docente, é interesante coñecer de primeira man o traballo que realiza a Asociación Zamora Protohistórica, que destaca polo seu papel activo na difusión e protección arqueolóxica, implicando non só a historiadores e arqueólogos senón tamén á sociedade civil, e facendo fincapé na arqueoloxía transfronteiriza coa celebración cada ano dunhas xornadas de novos investigadores do Val do Douro na que participan estudosos de Castela e León pero tamén de Portugal. “A súa participación no ciclo de palestras pode ser moi enriquecedora para nós en moitos aspectos, pois compartimos unha filosofía de traballo común”, comenta Beatriz Comendador.
 
Participantes
Sobre o currículo dos participantes, os organizadores da cita salientan que José Carlos Sastre é licenciado en Historia pola Universidade de Salamanca (2004) e actualmente está realizando a súa tese de doutoramento sobre o citado xacemento de El Castillón, en Santa Eulalia de Tábara. Director do Proxecto de Investigación e Difusión do Patrimonio Arqueolóxico da Provincia de Zamora, posúe diversas publicacións sobre a Idade do Ferro en Zamora, a arte rupestre esquemática, os sistemas defensivos da Idade do Ferro e o poboado tardoantigo de El Castillón. Pola súa banda, Raquel Portilla, tamén licenciada en Historia pola Universidade de Salamanca (2007) e actualmente realizando a tese, é arqueóloga técnica en El Castillón, especialista en Idade do Ferro na zona de La Guareña, e posúe diversas publicacións sobre este período na provincia de Zamora. 
 
Ademais da súa intervención, a sesión contoupor último cunha breve sesión informativa sobre as intervencións arqueolóxicas que se están a realizar no Castro da Saceda, promovidas polo Concello de Cualedro coa colaboración da Fundación Larouco. Martiño Xosé Vázquez, arqueólogo do GEAAT e de Xeitura Xestión Integral do Patrimonio Cultural, entidade esta última que está a levar a cabo a intervención, será o encargado de explicar os traballos realizados. 
 
O Ciclo de Palestras de Arqueoloxía Transfronteiriza, que se desenvolverá ao longo dun ano e que conta para a súa organización coa colaboración de diversas asociacións culturais do Val de Monterrei, como a Asociación Cultural Alto Támega, a Asociación Cultural Monterrei Cultura e Territorio e o Colectivo A Ermida, continuará en outubro traendo a Castrelo do Val diversas personalidades dos dous lados da raia para tratar temas relativos aos recursos patrimoniais, á súa valorización, xestión e protección.

Ningún comentario:

Publicar un comentario