luns, 7 de setembro de 2015

A Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo aposta pola formación en liña

A Área de Normalización Lingüística afianza a súa aposta pola formación en liña. Dos seis cursos que se impartirán neste primeiro cuadrimestre do curso, cinco serán virtuais e tan só un presencial, o de extensión cultural dirixido ao alumnado estranxeiro. O prazo de matrícula está aberto ata o vindeiro 18 de setembro para todos os cursos e o prezo da inscrición é de balde para a comunidade universitaria, pero calquera persoa allea á mesma pode matricularse cun prezo que vai entre os 20 euros para os de 10 e 15 horas de duración e os 40 euros para os restantes.
Administración, investigación, docencia e busca de emprego
Os cinco cursos en liña que a Área de Normalización Lingüística ofrece para o primeiro cuadrimestre cobren un amplo abano de temas. Dende a documentación administrativa ata a redacción de traballo docentes e de investigación en galego, pasando polo uso habitual da lingua no día e día e mesmo as redes sociais como ferramenta de busca de emprego. O primeiro en arrancar será o de redacción e deseño de traballos académicos e de investigación, que botará a andar o 28 de setembro, con 20 horas de duración e está destinado a todas aquelas persoas interesadas en mellorar a súa expresión escrita e afondar no coñecemento de ferramentas para organizar os documentos.
O cinco de outubro arrancan outros dous cursos. Por unha banda, o de redacción de documentos administrativos, de 20 horas, que ofrece unha guía rápida para redactar este tipo de escritos. Por outra banda, iníciase un curso para sacarlle partido ao correo electrónico, que en 20 horas ofrecerá atallos, facilidades e pautas para unha correcta redacción que axude a mellorar a comunicación. A comezos de novembro comezarán os outros dous cursos virtuais. Un centrarase na harmonización, normalización e unificación textual e o outro no uso das redes sociais como ferramenta para dar a coñecer o perfil profesional, que permitirá aos asistentes mellorar a redacción do seu currículo. O primeiro ten unha duración de 20 horas e o segundo, que se imparte en colaboración coa Área de Emprego da Universidade, é de 15 horas.
Máis información no DUVI.

Ningún comentario:

Publicar un comentario