luns, 3 de novembro de 2014

Nace Somos galego, un suplemento sobre lingua editado pola Mesa e Sermos Galiza


O novo suplemento sobre lingua editado pola Mesa en colaboración con Sermos Galiza xa está na rúa.

Somos galego quere ser unha ferramenta para a información, o debate e o contraste de ideas para reverter o proceso de substitución lingüística en Galiza.




Xa está na rúa Somos galego, o novo suplemento sobre lingua que edita A Mesa pola Normalización Lingüística en colaboración co semanario Sermos Galiza.
 Somos galego nace coa idea de informar das novidades arredor da nosa lingua, sexan denuncias, información sobre acontecementos relevantes, pequenos ou grandes avances e por suposto entrevistas que nos axuden a termos unha panorámica ampla da situación que vive o idioma día a día.
 O suplemento, de periodicidade bimensual, manterá tamén sección fixas e participativas nas que as lectoras e os lectores sexan protagonistas e propoñan dúbidas e respostas ás cuestións que como falantes queremos resolver. Estas seccións serán as de toponimia, dereitos lingüísticos, a utilización correcta da lingua e información sobre empresas ou produtos que teñan o galego como lingua normal das súas relacións comerciais.
 Somos galego quere ser unha ferramenta para a información, o debate e o contraste de ideas para reverter o proceso de substitución lingüística en Galiza.
 Os centros de ensino que son socios colaboradores da Mesa recibirán de forma gratuíta este suplemento en papel, xunto co semanario Sermos Galiza.
 As socias e socios da Mesa poderán descargalo de balde en formato pdf a través da ligazón que achegamos na Remesa. 


Ningún comentario:

Publicar un comentario