luns, 3 de novembro de 2014

“Os contribuíntes si temos moitos problemas para presentar escritos en galego na Axencia Tributaria, cada día máis”

A Mesa respondeu esta mañá ás declaracións da delegada da Axencia Tributaria en Galiza nas que negaba as trabas desta administración ao uso do galego.

Santiago de Compostela, 31 de outubro de 2014.- A Mesa respondeu esta mañá ás declaracións da delegada da Axencia Tributaria en Galiza, Imelda Capote, nas que segundo informa Europa Press defendeu que a Axencia Tributaria "non pon ningunha traba" a presentar escritos en galego ao ser preguntada pola sanción que A Mesa denunciou tras solicitar recibir unha notificación en lingua galega. (http://www.amesanl.org/gl/novas/amosar/id/707)

Segundo recolle a citada axencia de noticias, Imelda Capote afirmou:  "A Axencia Tributaria é unha organización de ámbito estatal, os seus actos con carácter xeral emítense en castelán, pero se un contribuínte quere presentar un escrito en galego, non ten ningún problema e, de feito, faino".

O presidente da Mesa, Marcos Maceira, sinalou que as administracións ”non poden alegar o seu carácter estatal para ignorar a oficialidade do galego”, sobre todo cando teñen sedes terrotoriais en Galiza. Neste sentido, Maceira indicou que calquera persoa ou empresa que pretenda facer as súas xestións en galego coa Axencia Tributaria sabe que as declaracións de Imelda Capote son falsas:

Un dos exemplos máis evidentes é a plataforma telemática da Axencia Tributaria que non permite o uso do galego. Mais aínda que se queiran facer os trámites de forma manual, tamén se poñen infinidade de trabas ao uso normal do galego. Desde A Mesa sinalaron que existen infinidade de exemplos concretos, como os formularios de autoliquidación do IVE, que utilizan asociacións, autónomos ou empresas para facer o pago trimestral do IVE e que até hai pouco tempo estaban dispoñíbeis en galego, mais que hoxe en día só é posibel presentalos en español.

“Eliminar todos os modelos de impresos e formularios en galego que existían nas oficinas e na web da Axencia Tributaria non é por trabas ao uso do galego? Retirar a documentación en galego que existía para a descarga na páxina web e negarse a facilitar escritos en galego cando un cidadán llos solicita non é porlle problemas á cidadanía que quere usar o galego? Impedir utilizar o galego en todas as xestións telemáticas non é por trabas a que os contribuíntes poidan usar a súa lingua?” preguntouse Marcos Maceira.

Alén diso, desde A Mesa lembráronlle á delegada da Axencia Tributaria que a lexislación non só estabelece o dereito dos cidadáns a se dirixir en galego a todas as administracións radicadas en Galiza, sexan locais, autonómicas ou estatais, senón que estabelece a obriga destas a respectar a lingua oficial do contibuínte e dirixirse a el en galego, tanto de forma oral como escrita, cando o solicite.

Neste sentido A Mesa reiterou que a súa solicitude de recibir as notificacións da Axencia Tributaria na lingua propia e oficial de Galiza é un dereito recoñecido e amparado pola lexislación vixente, e que non renunciará a exercer ese dereito, “e moito menos por este tipo de coaccións antidemocráticas”.

A Mesa reiterou que a sanción imposta contra a asociación supón unha vulneración intolerábel dos seus dereitos lingüísticos (alén de evidenciar unha actitude impropia dunha administración pública democrática e ao servizo da cidadanía) e afirmou que non dubidará en acudir aos tribunais se for preciso:

Marcos Maceira: “Toda a lexislación e xurisprudencia vixente é clara ao recoñecer o dereito da cidadanía galega a exixir que calquera notificación, de calquera Administración Pública con sede no territorio da Comunidade Autónoma de Galiza, que afecte os seus intereses, estea redixida en galego e que o procedemento se tramite na lingua oficial elixida pola persoa interesada.”

Ningún comentario:

Publicar un comentario