O pasado curso esta lingua tivo 93 matrículas, máis que os inscritos en alemán, francés ou portugués. Prolingua pídelle á Xunta e á RAG que interveñan para evitar que desapareza o ensino oficial do galego no Bierzo.
O galego é a lingua do Bierzo. Nalgúns concellos
fálase moito máis que o español pero, a pesar diso, a Junta de Castilla y
León acaba de suprimir as matrículas do primeiro curso desta lingua en
Ponferrada, a capital desta rexión.
Unha medida que chega cando no pasado curso, houbo un total de 93
persoas matriculadas, 59 na modalidade oficial e 34 na modalidade libre.
De feito, o número de alumnos matriculados en galego era superior ao de inscritos en alemán, francés ou portugués.
No presente curso 2014/2015 baixaron a 63 matrículas oficiais, dado que
o prazo de inscrición de matrícula na súa modalidade libre non está
aínda aberto e que tampouco se deu oportunidade para matricularse en 1º
curso.
Segundo información oficial obtida por ProLingua o
total de matrículas na materia de Lingua Galega ofrecida pola Escola
Oficial de Idiomas de Ponferrada desde o seu comezo, curso 2002/2003,
ata a actualidade, curso 2014-2015, ascende a un total de 1.183, 797 na súa modalidade oficial, 326 na modalidade libre e 60 en cursos específicos.
Por iso, esta entidade denuncia que se suprima o primeiro curso de aprendizaxe. “Non se entende a súa supresión,
por iso ProLingua dirixiuse á Xunta de Galicia e á Real Academia Galega
para que actúen con dilixencia e celeridade e realicen as xestións
oportunas para repoñer de maneira inmediata a oferta do primeiro curso
de galego na Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada”, apunta nun
comunicado.
E é que a poboación adulta da comarca do Bierzo non ten outra
posibilidade de acceder ao estudo do galego se non é a través do ensino
que se lle ofrece na Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada. “Por esta
razón, a Xunta de Galicia non pode permanecer impasible ante esta
noticia tan alarmante de perda de presenza do galego na devandita
Escola”, suliña ProLingua que lle pide ao Goberno galego que realice as “xestións pertinentes” coa Junta de Castilla e León para que o galego non desapareza da EOI de Ponferrada.
Ningún comentario:
Publicar un comentario