"O Día de Defuntos -explica González- debe ser unha data para homenaxear" as persoas queridas "con epitafios redactados no idioma no que se expresaron en vida; porque nel soñaron, namoraron, choraron, cantaron e contaron, arrolaron os seus fillos e netos e desenvolveron todas as actividades da vida cotiá". Ao seu xuízo, a "argallada de que identificar a lingua galega coa morte non é oportuna para acadarmos a normalización lingüística plena cae polo propio pé". Non en van, agrega, os cemiterios son "espazos moi queridos e respectados na nosa tradición cultural", polo que "cómpre que eses lugares dean conta do idioma no que falaron quen están soterrados neles".
"A argallada de que identificar a lingua galega coa morte non é oportuna cae polo propio pé"Estas bases foron sobre as que naceu o devandito Día da Restauración da Memoria Lingüística, conmemorado o 23 de outubro pero que, por motivos obvios, estende os seus principios ata o 1 de novembro. E, en que se concretan? Para comezar, os concellos que o secundan asumen a proposta de colocar unha placa nos seus cemiterios "na memoria de todos os que xacen aquí, porque grazas a eles Galicia segue a ter cultura e lingua de seu". Ademais, os organismos locais comprométense a "honrar a memoria dalgún defunto coa substitución da lápida en castelán por outra en galego" como "exemplo a imitar", así como a promover actos públicos de sinatura de "actas de vontade" na que se "especifique expresamente os desexos de que os actos fúnebres" de cada persoas se realicen en galego.
Na liña da asociación, os colectivos que apoian esta iniciativa ven "incomprensible" que "as parroquias dos mortes non falen a mesma lingua que as dos vivos". As lápidas, así como os demais obxectos e eventos funerarios, non deben ser "expoñentes da renuncia" do pobo galego "ao seu idioma". Por iso, o obxectivo é invertir unha tendencia pol acal "só unha de cada mil lápidas están escritas en galego e un 2% das notas necrolóxicas, redactadas no noso idioma". "Para explicar esta situación adóitase recorrer á ocorrencia de que neses momentos tristes ninguén está para reparar no problema da lingua, pero ese argumento carece de fundamento lóxico", agregan.
Ningún comentario:
Publicar un comentario