martes, 1 de marzo de 2016

IBM crea no campus de Ourense a súa cátedra Viewnext

A empresa xa conta na cidade con 150 informáticos no seu centro de innovación.

Unha aposta polo talento e un compromiso por contribuír a unha sociedade mellor. Con estas ideas de fondo foi asinado este xoves na Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense o convenio de creación da Cátedra Viewnext da Universidade de Vigo. “O seu leitmotiv é promover a captación de talento para a empresa e darnos a nós a capacidade de mergullar no mercado laboral aos nosos egresados, ademais de xerar colaboracións no eido da investigación e da formación”, explicou Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo, durante a sinatura do acordo. “Esta iniciativa é tremendamente positiva para nós, para a Universidade e para o conxunto da sociedade” pois permite “contribuír a exportar coñecemento e non persoas”, recalcou pola súa banda José Manuel Brandeiro, director xeral de Viewnext, a única entidade de servizos de xestión e desenvolvemento de aplicacións do grupo IBM en España, que conta con máis de 4.100 profesionais e oito centros de innovación.
No caso de Ourense, explicou o director xeral de Viewnext, que naceu da integración da área de Application Management Services de IBM Global Services en INSA, a empresa conta cun Centro de Innovación Tecnolóxica (Cenit), dirixido por Alberto Diz, presente tamén no acto de sinatura xunto a Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense. Segundo sinalou José Manuel Brandeiro, este centro ten na actualidade 150 empregados e dá servizos a entidades como La Caixa, Banco Popular e Inditex, tendo capacidade, afirmou, para medrar máis e chegar aos 220 traballadores. Os centros de innovación como o existente en Ourense, sinalan desde a empresa, están altamente cualificados para producir para o mercado estatal e internacional software e produtos e servizos informáticos, converténdose en focos moi destacados de I+D+i nas zonas onde se ubican e contribuíndo á retención de talento local.
IBM xa ten 150 empregados no seu centro de innovación en Ourense
O principal obxectivo da Cátedra Viewnext, tal e como recolle o convenio asinado, é promover o desenvolvemento das competencias profesionais do alumnado universitario; mellorar a súa capacitación; ampliar ou actualizar os coñecementos, técnicas ou habilidades dos membros da comunidade universitaria e outros profesionais para adaptalos ás necesidades da empresa e fomentar a formación continua, a innovación e a investigación. Ao abeiro deste obxectivo xenérico, as actividades a desenvolver centraranse en cinco liñas de actuación. A primeira delas será a creación dun programa de captación de talento, cuxa finalidade será a incorporación á empresa de alumnado da Universidade de Vigo cun bo expediente académico, con capacidade de innovación e que acredite un bo nivel de inglés.
O convenio tamén contempla a posta en marcha de actividades formativas que teñan por obxecto a capacitación, especialización e actualización de competencias de membros da comunidade universitaria e profesionais alleos á mesma atendendo ás necesidades competitivas da empresa. Tamén se impulsará un sistema de bolsas de prácticas por períodos máximos de seis meses para o alumnado ou titulados recentemente da Universidade de Vigo; a organización de congresos, xornadas, conferencias, seminarios ou foros e a promoción da publicación de estudos ou traballos científicos ou de divulgación nos ámbitos de estudos propios desta cátedra. Para a execución e seguimento do convenio constituirase unha comisión mixta de carácter paritario entre as dúas partes

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario