A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación
Universitaria vén de ultimar o Protocolo de protección de datos persoais, unha
guía de referencia para os centros escolares a través da cal se busca dar
resposta ás dúbidas máis frecuentes nesta materia ás que se enfrontan
directores e docentes, e que atinxen principalmente a cuestións como o
tratamento de imaxes, a xestión dos datos persoais en caso de proxenitores non
unidos por vínculo matrimonial ou análogo, a utilización de cámaras de
videovixilancia e a cesión de datos.
O documento, entregado
aos membros do Consello Galego da Convivencia celebrado hai uns días, para
que acheguen as aportacións que consideren, aborda un conxunto de pautas
concretas e claras dirixidas a toda a comunidade educativa, de xeito que se
lles outorgue unha maior seguridade xurídica a todos os axentes implicados na
xestión e tratamento de todos os datos persoais. Así mesmo, incorpóranse unha
serie de anexos con modelos de cláusulas de información e autorización para o
tratamento de datos, que poderán ser utilizados por todos os centros.
Seguindo os preceptos marcados pola Lei orgánica 15/1999, de protección de
datos de carácter persoal, o protocolo impulsado pola Consellería de Cultura e
Educación lembra que a protección de datos está suxeita ao principio de
información e de consentimento. O protocolo pretende dar resposta ás dúbidas máis
frecuentes no que atinxe ao uso de imaxes en páxinas web e blogues dos centros
e no caso dos sistemas de videovixilancia, estes deben colocarse sempre
respectando os dereitos dos usuarios do centro e atendendo á súa finalidade de
garantir a seguridade.
O protocolo de protección de datos persoais (que tamén conterá un apartado
sobre identidade dixital, no que se está traballando) enmárcase dentro da
Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2015-2020, e súmase a outros
protocolos posto en marcha pola Consellería de Cultura e Educación como os de
Atención Educativa Domiciliaria, de Urxencias Sanitarias, de Acoso e
Ciberacoso, de Absentismo Escolar, de TDAH u de TEA. Todos eles teñen como
finalidade de dar apoio aos centros, aos docentes e ás familias con documentos
e guías específicas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario