A Área de Normalización Lingüística da UVigo edita un novo volume con recomendacións e solucións a dúbidas recorrentes sobre o uso da lingua para usala con seguridade.
Tras o manual 'En galego sen dúbida', editado en 2013, a Área de Normalización Lingüística (ANL) da Universidade de Vigo vén de publicar un novo texto que completa e amplía o anterior. Titulado 'Na Universidade. En galego con seguridade', trátase dunha nova achega de material que axudará á comunidade universitaria a desenvolver a súa actividade profesional e académica no idioma propio de Galicia con fluidez e corrección, tanto na lingua oral como escrita.As técnicas da ANL Eva María Castro e María Cristina Rodríguez, responsables deste proxecto, explican que no anterior volume se centraron en cuestións ortotipográficas, mentres que nesta ocasión se revisan contidos morfosintácticos e léxico-semánticos da comunicación, principalmente administrativa.
O manual está dirixido ao PAS, PDI e alumnado, e a todas as persoas interesadas en mellorar e aumentar os seu coñecementos sobre a lingua. “Ocupámonos das preguntas máis recorrentes na ANL, cuestións lingüísticas erróneas fixadas na lingua, marco lexislativo... e necesidades que detectamos”, resumen Castro e Rodríguez en declaracións recollidas por M. Del Río no DUVI.
Da lexislación aos erros máis habituais
O manual estrutúrase en sete apartados. O dous primeiros recollen os dereitos lingüísticos no ensino superior e o novo regulamento do uso da lingua galega na Universidade de Vigo. O terceiro e cuarto capítulos céntranse nas consultas lingüísticas máis comúns que a comunidade universitaria realiza na Área de Normalización Lingüística e en dúbidas xerais e estendidas no emprego do galego.
O volume tamén recolle unha sección dedicada a “malas herbas na lingua galega” que, segundo as autoras, "son unha mostra de palabras, expresións e construcións incorrectas presentes na nosa lingua, pero non damos eliminado por moito que as corrixamos”.
A publicación complétase cun capítulo sobre recomendacións e outro final cos xentilicios en galego, elaborado polo profesor Xosé Henrique Costas.
“O que pretendemos é que a nosa comunidade universitaria poida impartir calquera materia, redactar documentos, atender, informar e, en definitiva, desenvolverse en galego sen ningunha dificultade”, destacan as autoras.
Dúbidas máis recorrentes e recomendacións
O capítulo que recolle as principais dúbidas da comunidade universitaria baséase nas consultas que a ANL recibe a diario. Entre elas están o uso da preposición 'a' co complemento directo; a colocación do pronome átono; erros no emprego dos pronomes persoais; usos incorrectos do infinitivo, participio e xerundio; cuestións sobre perífrases, etc. As autoras lembran que é tamén moi habitual atoparse co abuso da voz pasiva, con erros na concordancia ou con pobreza léxica.
O libro tamén inclúe una pequena escolma de recomendacións que poden axudar aos usuarios a mellorar a redacción dos documentos. As autoras destacan a necesidade de empregar unha linguaxe adecuada aos destinatarios; seleccionar e ordenar a información; empregar parágrafos e oracións curtas fuxindo de subordinadas, estranxeirismos, ambigüidades e o abuso da voz pasiva. Recomendan ademais empregar sinónimos e evitar repeticións, e prestar especial atención á linguaxe inclusiva, fuxindo de formas discriminatorias ou sexistas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario