Este 12 de marzo, sábado, hai en Pontevedra unha
cita con todas aquelas metodoloxías destinadas a aplicar a nosa
interacción cos videoxogos aos procesos da vida real: procesos
empresariais de todo tipo, procesos formativos e de divulgación, de
xestión, de desenvolvemento, de inclusión, etc. Dito doutra
maneira: temos unha cita cos xogos que saen de si mesmos para achegar
coñecemento e habilidades, e tamén para ensinarnos a ensinar. A
cita con estas metodoloxías, agrupadas baixo o concepto
gamificación, vén impulsada pola Concellaría de Promoción
de Pontevedra, e conta coa colaboración das universidades galegas de
Vigo e A Coruña. A xornada Gamification
Jan Galicia celébrase na Casa da Luz. Os
organizadores son Raquel Pedrouso e Aitor Barbosa, que lembraron na
presentación do encontro que “a gamificación é a
incorporación de elementos e dinámicas do xogo a eidos serios, que
vai encamiñado á modificación da conduta no ámbito educativo,
laboral e da saúde”.
Segundo engadiron, a xornada será unha experiencia
de ensino convocada cun obxectivo duplo: por unha banda xerar unha
comunidade activa de gamificadores en Galicia e, por outra
banda, achegar estas metodoloxías aos/as docentes como ferramenta de
innovación educativa, “de tal xeito que logo da xornada do sábado
xa poidan aplicar elementos da gamificación nas súas aulas o
luns”, engadiron. Segundo explicaron, a cita do sábado basease en
3 momentos principais:
· De 10:00 a 14:00 horas. Experiencia gamificada
de aprendizaxe na que os participantes terán que descubrir quen é o
asasino ao transformárense en axentes do FBI.
· De 16:00 a 19:00 horas. Obradoiros creativos nos
que se porá en práctica o aprendido na sesión da mañá e
idearanse novas experiencias axeitadas as necesidades dos asistentes.
· De 19:00 a 20:00 horas. Pechakucha: Exposicións
de investigacións e ferramentas gamificadas para a aula.
Participarán: Beatriz Legerén (docente e investigadora da
Universidade de Vigo), Luz Castro (Imaxin Software), Antonio Seoane
(docente e investigador da UDC) e Bruno Verín (representante e
co-fundador do proxecto Educativo Semente de escolas en galego).
Ningún comentario:
Publicar un comentario